O auto de sobresemento provisional da investigación a Lendoiro é firme

Un xulgado desestimou o recurso de reforma que presentara o denunciante

Augusto César Lendoiro. AEP
photo_camera Augusto César Lendoiro. AEP

O auto que decretou o sobresemento provisional da investigación ao expresidente do RC Deportivo Augusto César Lendoiro é firme despois de que o socio do club que presentou a denuncia en 2014 non presente un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

A semana pasada, o xulgado de instrución número 3 da cidade galega, que investigou a causa, desestimou o recurso de reforma que presentara o denunciante e mantivo o sobresemento provisional.

Contra esa resolución, o accionista que cabía un recurso ante a Audiencia Provincial nun prazo de cinco días que concluíu este luns. Fontes xurídicas confirmaron a Efe que ese recurso non foi presentado, polo que o sobresemento provisional é firme. No entanto, dado o seu carácter provisional, o caso aínda pode ser reaberto se se presentan novas probas antes de que prescriban os delitos que se investigaron.

O pasado mes de xullo, a xuíza considerou acreditado que os investigados, o expresidente do Deportivo e Rodríguez Conchado, "incumpriron normas contables" e que as contas "non reflectían unha imaxe fiel do patrimonio", algo que os auditores "xa fixeran constar nos diferentes informes".

Entendía, con todo, que non resultara "acreditado que os investigados obtivesen beneficio indebido como resultado da desfiguración contable imputable aos mesmos". Ademais, sinalaba que non aparecía "acreditada a existencia de dolo directo para prexudicar ao Deportivo ou ao denunciante a través do falseamento de contas anuais".

A denuncia contra o Consello de Administración do Deportivo que presidía Lendoiro foi interposta por dous accionistas en 2014, xa con nova directiva no club galego.

Os socios indicaban que as contas foran presuntamente falseadas de xeito continuo polo menos desde o exercicio 2007/08 co obxectivo de ocultar as enormes perdas que rexistraba a sociedade e entendían que podían ser constitutivas dos ilícitos penais descritos nos artigos 290, 291, 292 e 293 do Código Penal.

Comentarios