O Barcelona destitúe a Setién, o adestrador máis fugaz desde Antic

O club catalán xa traballa na fichaxe do exazulgrana Ronald Koeman, actual seleccionador de Holanda, para que sexa o novo técnico
Quique Setién. EUROPA PRESS
photo_camera Quique Setién. EUROPA PRESS

 O Barcelona anunciou este luns Quique Setién non seguirá dirixindo ao primeiro equipo a próxima tempada, tras a reunión mantida este luns pola xunta directiva azulgrana durante máis de catro horas para tratar a grave crise deportiva e institucional pola que atravesa a entidade. A vergoñosa eliminación que o Barça sufriu a mans do Bayern de Múnic nos cuartos de final da liga de Campións o pasado venres (2-8) precipitou unha decisión que practicamente se daba por segura na planificación do próximo curso. 

Esta é "a primeira decisión no marco dunha ampla reestruturación do primeiro equipo que se fará desde o consenso entre a actual secretaría técnica e o novo técnico, que será anunciado nos próximos días", informou nun comunicado o club catalán, que xa traballa na fichaxe do exazulgrana Ronald Koeman, actual seleccionador de Holanda, para que sexa o novo técnico. 

Setién, que chegou en xaneiro pasado para relevar a Ernesto Valverde no banco do conxunto azulgrana, asinou un contrato como adestrador do Barcelona ata o 30 de xuño de 2021 máis un terceiro ano opcional. Con todo, o cántabro non logrou mellorar as prestacións dun equipo en franca decadencia nin tampouco os resultados do seu predecesor no cargo. 

E é que, con el á fronte, os azulgranas quedaron eliminados da Champions e da Copa do Rei e foron incapaces de revalidar o título de Liga. 

O adestrador máis fugaz desde Radomir Antic

 Quique Setién exerceu 216 días como adestrador do Barcelona e, así, converteuse no técnico que menos tempo durou no cargo desde Radomir Antic, quen dirixiu ao conxunto azulgrana de febreiro a xuño do 2003 baixo a presidencia interina de Enric Reyna. 

Comentarios