O Celta oficializa o traspaso de Pione Sisto ao Midtjylland

O conxunto vigués pecha a pretemporada con moitas dúbidas e un empate ante o Sporting
Pione Sisto. EFE
photo_camera Pione Sisto. EFE

O Celta oficializou este sábado o traspaso do internacional danés Pione Sisto ao FC Midtjylland, que pagará ao redor de tres millóns e medio de euros á entidade galega, a cal se garda "unha porcentaxe dunha futura venda", informou o club celeste. O extremo danés regresa así ao club do que saíu hai catro tempadas para recalar no Celta, co que participou en 135 partidos oficiais, nos que repartiu 14 asistencias e anotou 18 goles —doce deles en Primeira División—.

A saída do extremo acelerará a chegada de novas fichaxes a Vigo. O director deportivo, Felipe Miñambres, segue traballando para que o central colombiano Jeison Murillo (Sampdoria) regrese antes de que comece o curso ligueiro.

As outras prioridades do técnico do Celta, Óscar García Junyent, son fichar un porteiro e un dianteiro centro, aínda que a chegada do nove segue supeditada á saída do uruguaio Toro Fernández.

ÚLTIMO AMIGABLE. O Celta pechou os seus partidos de pretemporada cun empate ante o Spórting de Xixón (1-1), noutro encontro no que exhibiu graves desaxustes defensivos a unha semana de abrir o curso ligueiro, ante o Éibar. Iago Aspas logrou no minuto 18 o gol do Celta; o Spórting adiantouse cun tanto de Álvaro Vázquez no minuto 2.

DÉPOR. O dianteiro Claudio Beauvue regresa ao Deportivo, co que se comprometeu por dúas tempadas, coa "obrigación moral" de ascendelo a Segunda logo de formar parte do persoal que non puido evitar o descenso.

Comentarios