Denuncian a LaLiga e ao Fuenlabrada por un delito contra a saúde pública

Nove particulares presentaron tres denuncias nos xulgados da Coruña
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Un membro da expedición do Fuenlabrada, na Coruña. EFE

Un total de nove particulares interpuxeron tres denuncias nos xulgados da Coruña contra a Liga de Fútbol Profesional (LaLiga), o seu presidente, Javier Tebas, e contra o Club de Fútbol Fuenlabrada, despois de que o luns da semana pasada o equipo madrileño viaxase á cidade herculina con casos positivos de coronavirus entre o seu persoal.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en total constan polo momento nove denunciantes que consideran aos denunciados autores dun delito de desobediencia á autoridade e outro contra a saúde pública. Por iso, piden ao xulgado que esclareza as eventuais responsabilidades penais e civís derivas dos feitos que expoñen nas denuncias.

En total trátase de tres denuncias contra a liga de Fútbol Profesional, o seu presidente, Javier Tebas, e contra o CF Fuenlabrada porque nunha delas consta un só denunciante, outra agrupa a tres e a última a cinco particulares.

Outras accións

A viaxe do Fuenlabrada á cidade herculina para xogar un partido de fútbol co Dépor, que acabou por suspenderse, tamén orixinou que o Concello da Coruña solicitase á Fiscalía que investigue os feitos relacionados por se fosen constitutivos de delito.

No seu escrito, o consistorio pediu que se expliquen cuestións como "por que non se informa ás autoridades sanitarias" dos positivos no persoal e "por que se viaxa" ata A Coruña cando xa se coñecía que algún dos xogadores estaba afectado.

Precisamente, a Fiscalía Provincial da Coruña confirmou o pasado venres que abriu dilixencias de investigación penal para esclarecer se o sucedido no caso do brote de coronavirus detectado na expedición do Fuenlabrada ten "alcance penal".

Tras a decisión do Concello da Coruña de levar o caso a Fiscalía, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deixou aberta tamén a posibilidade de acudir á xustiza se o expediente informativo en curso do Goberno galego detecta que se produciu algún tipo de neglixencia. "Se así o recomenda, farémolo", dixo o xefe do Executivo galego, quen considerou que neste caso púxose "en risco a saúde pública".

Pola súa banda, o Deportivo non descartou ir pola vía penal. "A previsión do club é que este asunto sexa derivado a un xulgado de instrución da Coruña, momento procesual no cal o Real Club Deportivo e outros grupos de interese como a Federación de Penas poderán acudirse e defender os seus intereses, así como solicitar medidas cautelares", afirmou o equipo nun comunicado difundido este luns a última hora.

"Ante o atropelo deportivo que pretende perpetrarse por parte da Presidencia de LaLiga contra o Real Club Deportivo da Coruña (...), este club resérvase expresamente o exercicio de todas as accións legais que considere máis oportunas en defensa dos seus dereitos ante a xurisdición deportiva e, no seu caso, a ordinaria", agregou.

Casos positivos

Segundo as probas practicadas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), os integrantes da expedición do Club de Fútbol Fuenlabrada desprazada á Coruña infectados por coronavirus son por agora un total de 18, un dos cales tivo que ser hospitalizado o pasado venres e recibiu este martes o alta.

En calquera caso, aos 18 positivos entre a expedición do Fuenlabrada na Coruña hai que engadir os catro membros do persoal que xa non puideron viaxar á cidade herculina, onde segue confinado o equipo logo de suspenderse o seu encontro do luns da semana pasada ante o Deportivo.

Ademais, en Madrid foron detectados outros catro positivos, co que o equipo elevou a 26 o número total de casos positivos por coronavirus no seu persoal e corpo técnico.

Comentarios