Djokovic vence a Federer e logra o seu quinto título en Wimbledon

Foi a final máis longa da historia do torneo

Novak Djokovic celebra a súa vitoria. WILL OLIVER (EFE)
photo_camera Novak Djokovic celebra a súa vitoria. WILL OLIVER (EFE)

O serbio Novak Djokovic, número un do mundo, salvou dúas bólas de partido e venceu ao suízo Roger Federer nunha gran batalla, por 7-6 (5), 1-6, 7-6 (4), 4-6 e 13-12 (3), na final máis longa da historia de Wimbledon, para gañar este torneo por quinta vez na súa carreira, e sumar o segundo desta categoría este ano tras apuntarse o Aberto de Australia en xaneiro.

A de 2008, con Nadal vencendo a Federer por 6-4, 6-4, 6-7(5), 6-7(8) e 9-7 en catro horas e 48 minutos era ata este domingo a máis longa final do torneo. Na edición 133, Djokovic impúxose en catro horas e 57 minutos.

Djokovic leva xa 16 títulos do Grand Slam, achegándose aos 18 do español Rafael Nadal, que no entanto, e grazas ao triunfo do serbio manterá o posto de número dous do mundo este luns, con 485 puntos de vantaxe sobre Federer.

A carreira triunfal do serbio, campión o ano pasado no All England Club, continúa nos 'majors' onde gañou catro dos últimos cinco nos que participou. Tras o seu paso por Wimbledon no 2018, con vitoria ante o surafricano Kevin Anderson, gañou logo o US Open ante o arxentino Juan Martín del Potro, e saíu campión ante Nadal na final do Aberto de Australia en xaneiro.

Só fallou en Roland Garros, onde cedeu contra o austríaco Dominic Thiem en semifinais, e en cinco sets.

Coa vitoria deste domingo, Djokovic leva xa tres finais gañadas a Federer neste torneo (2014 e 2015). O serbio perdeu o primeiro duelo entre eles no All England, nas semifinais de 2012. En total avantaxa con 26-22 no balance, gañando os cinco últimos disputados. Federer non o vence desde o 2015, na primeira fase do Finais ATP.

O gañador recibiu un cheque de 2.350.000 libras (2.622.157 euros ou 2.955.423 dólares) e 2.000 puntos ATP. A final deste ano foi a primeira, a un total de cinco sets, desde a do 2014, cando Djokovic impúxose a Federer, por 6-7 (7), 6-4, 7-6 (4), 5-7 e 6-4 en tres horas e 56 minutos.

O arxentino Damian Steiner, de 44 anos, nacido en Buenos Aires e que ía para xornalista deportivo na súa mocidade, dirixiu a final este ano, a primeira da súa carreira do Grand Slam. 

Comentarios