Unha estadounidense demanda a Cristiano Ronaldo por violación

Os feitos polos que se acusa ao xogador da Juventus terían ocorrido en 2009 nas Vegas

Cristiano Ronaldo Efe
photo_camera Cristiano Ronaldo Efe

A estadounidense Kathryn Mayorga, de 34 anos, decidiu ir adiante coa demanda xudicial contra o futbolista portugués Cristiano Ronaldo por violación. Segundo confirmou a CNN, o pasado venres presentouse de xeito oficial a acusación nun xulgado do condado de Clark, no estado de Nevada, aínda que a noticia xa saltara en 2017 polas filtracións de 'Football Leaks' que recolleu Der Spiegel.

Os feitos remóntanse a 2009, cando o ex xogador do Real Madrid -agora na Juventus de Turín- e os seus amigos subiron ao ático dun hotel das Vegas que alugaran coa agora demandante e un grupo de mulleres. Tras ofrecerlle unha camiseta a Mayorga para que se unise a eles no jacuzzi, sempre segundo a versión da muller, CR7 pediulle sexo oral. Ao negarse penetrouna analmente, extremo que o deportista desmente rotundamente.

Ela acudiu a un hospital e á Policía coa intención de denuncialo. Con todo, os avogados da estadounidense sosteñen que Ronaldo e o seu equipo aproveitáronse do "fraxil estado emocional" dela para chantaxeala a cambio de que asinase un acordo de silencio. A propia Mayorga asegura que recibiu 375.000 euros (uns 285.000 euros) a cambio do seu silencio.

Precisamente a ese pacto de silencio aférranse os avogados de Cristiano para restar credibilidade ao testemuño de Kathryn Mayorga sobre o sucedido hai máis de nove anos.

Comentarios