Falcao, condenado a pagar nove millóns de multa por fraude fiscal

O exxogador do Atlético de Madrid ratificou o acordo de conformidade que alcanzou coa Fiscalía

Radamel Falcao. AEP
photo_camera Radamel Falcao. AEP

O exxogador do Atlético de Madrid Radamel Falcao ratificou este mércores no xuízo o acordo de conformidade que alcanzou coa Fiscalía, polo que deberá pagar máis de nove millóns de euros entre multas e cotas defraudadas por dous delitos de fraude fiscal en 2012 e 2013.

Fontes xurídicas informaron a Efe de que a Sección 29 da Audiencia Provincial de Madrid celebrou este mércores o xuízo contra o dianteiro colombiano, aínda que a vista era unha formalidade dado que o futbolista xa alcanzara un acordo co Ministerio Público e, de feito, consignara 8.225.601 euros, superior á cota defraudada que ascende a 5,66 millóns de euros.

Desta forma, o xogador aceptou unha condena de 16 meses de multa a 100 euros diarios por dous delitos fiscais que suman 96.000 euros, sustitutiva da pena de prisión.

A iso hai que engadir 9.058.979 euros que ten que abonar entre cota defraudada (5,66 millóns) e dúas multas, de 493.565 euros e 2,9 millóns pola fraude nos dereitos de imaxe cando xogaba no Atlético de Madrid, polo que finalmente o xogador deberá abonar aproximadamente un millón máis ao xa pagado o pasado ano.

Segundo a querela do Ministerio Público, que presentou en abril do pasado ano, Falcao, hoxe nas filas do Mónaco, defraudou 5,66 millóns de euros en 2012 e 2013, cando xogaba en España.

A Fiscalía sinala que o xogador colombiano trasladou o seu domicilio fiscal á localidade de Pozuelo (Madrid) "coas obrigacións tributarias correspondentes" tras a súa fichaxe polo Atlético de Madrid en 2011. No entanto e "coa intención de obter un beneficio fiscal ilícito", omitiu na súa declaración de IRPF cantidades percibidas tanto do seu club como da selección colombiana.

Segundo a Fiscalía, o xogador creou unha estrutura societaria co único fin de ocultar á Facenda española os ingresos derivados dos seus dereitos de imaxe obtidos en 2012 e 2013 -822.609 euros e 4.839.253 euros- algo que tampouco presentou na declaración de titularidade de bens no estranxeiro.

As sociedades creadas por el, Business Tiger (con domicilio en Colombia) e Fardey Overseas (domiciliadas en Illas Virxes), obtiveron nos dous exercicios uns ingresos de 5.661.862 euros que deberon tributar en España dado que durante todo o exercicio de 2013 Falcao mantivo a súa residencia fiscal en Pozuelo. 

Comentarios