"Se alguén non coñece o Dépor, é que non coñece o fútbol"

O futbolista franco-marroquí, que este xoves se someteu ao recoñecemento médico previo á súa fichaxe, explicou que coñece o club desde a súa mellor etapa, a finais dos 90
Fayçal Fajr
photo_camera Fayçal Fajr

O futbolista franco-marroquí Fayçal Fajr, que este xoves se someteu ao recoñecemento médico previo á súa fichaxe polo Deportivo, explicou que coñece o club desde a súa mellor etapa, a finais da década de 1990, porque o que non saiba do equipo coruñés, dixo, "non coñece o fútbol".

"Eu coñezo o club desde hai anos. Se alguén non coñece o Dépor é que non coñece o fútbol. Eu coñezo o Dépor desde hai moitos anos, da época do 2000 ata agora", comentou aos xornalistas no Hospital HM Modelo da Coruña.

Fayçal confirmou que chega ao Deportivo cedido polo Elxe esta tempada, pero con dous anos máis de contrato por diante no caso de que o conxunto ilicitano non regrese á liga BBVA en 2016.

"Estou moi ilusionado, moi contento de estar aquí, hai moito tempo que esperaba estar no Dépor, xogar neste equipo. Teño présa por adestrarme co equipo e facer boas cousas este ano", indicou.

Do seu xogo, aínda que dixo que prefire "falar dentro do campo que fóra", sinalou que pode "achegar moitas cousas tecnicamente, coa pelota", e engadiu que lle gusta "correr desde o principio ao final, apertar moito diante e axudar tamén defensivamente".

Fayçal explicou que lle gusta máis "dar asistencias que marcar goles" e, sobre o seu estado físico, asegurou que está "preparado para xogar xa".

O centrocampista ofensivo considerou que o Deportivo ten "bo equipo" esta tempada e, aínda que pediu "tempo para os novos", expresou a súa confianza en mellorar o rendemento da liga pasada, na que os branquiazuis se salvaron na última xornada.

"O do ano pasado é normal porque o equipo era recén ascendido. Este ano temos que cambiar os puntos negativos do ano pasado e co persoal que temos, coas fichaxes e os que seguen no equipo, mellorar o do ano pasado", concluíu.

Comentarios