A Fiscalía turca pide 12,5 anos para Arda Turan por lesións e ameazas

Presenta cargos contra o futbolista por acoso sexual, vulnerar a seguridade xeral, lesións "intencionadas" e portar unha arma sen licenza

A Fiscalía turca presentou cargos contra o futbolista Arda Turan, actualmente con contrato no FC Barcelona pero cedido ao Basaksehir, por varios delitos de lesións e ameazas, polos que pide 12,5 anos de cárcere. En concreto, o fiscal considera que cometeu acoso sexual, vulnerou a seguridade xeral, causou lesións "intencionadas" e portou unha arma sen licenza, segundo informa o diario otomán Hürriyet.

A denuncia contra o xogador parte do cantante Berkay Sahin, quen tivo un altercado con Turan nunha popular discoteca de Istambul na madrugada do pasado mércores. Segundo a prensa turca, Turan acosou á muller do artista, Özlem Ada, no bar, e motivou un enfrontamento no que o futbolista lle rompeu o nariz ao cantante dun cabezazo.

A parella desprazouse a un hospital próximo, pero Arda Turan seguiulles pouco despois e ao entrar no centro sanitario disparou un tiro coa súa pistola, sen causar feridos.

Segundo a versión do futbolista, el ignoraba que Özlem Ada estivese casada e acudiu ao hospital para pedir desculpas a Sahin, ocasión na que se disparou un tiro da súa arma de forma fortuíta, informa a cadea CNNTürk.

A Fiscalía tamén preparou unha imputación contra o cantante por "insultos", polos que pide dous anos de prisión.

Comentarios