O irmán de Messi, condenado a dous anos e medio de cárcere por tenencia de armas

A sentenza prohíbelle saír do país e obrígao a traballar nunha escola de fútbol

Matías Messi. TWITTER
photo_camera Matías Messi. TWITTER

Matías Messi, irmán de Lionel Messi, foi condenado en Arxentina a dous anos e seis meses de prisión non efectiva por portación ilexítima de arma de fogo, segundo informaron fontes xudiciais.

Esta sentenza exímeo de ir a prisión, pero non poderá saír do país e deberá traballar oito horas mensuais na escola de fútbol Los Leones, do seu Rosario natal.

"Non se puido determinar que porte a arma con fins ilícitos", sinalou o fiscal Lucas Altare en declaracións recollidas polo diario Clarín.

A resolución tomouse tras un "acordo abreviado" ao que chegaron os avogados de Matías Messi, de 36 anos, e a Fiscalía.

O irmán maior do futbolista do Barcelona foi hospitalizado o 30 de novembro pasado tras ter un sinistro náutico coa lancha que manexaba, que quedou totalmente cuberta do seu propio sangue. Nese vehículo os efectivos policiais atoparon unha arma sen declarar.

Pouco tempo despois a familia de Messi emitiu un comunicado no que aseguraron que a arma non era de Matías e que foi descuberta varias horas máis tarde de que este abandonase a lancha.

Matías Messi protagonizou un feito similar o 3 de outubro de 2015, cando foi detido por efectivos da Xendarmería (policía de fronteira), que lle comisaron unha arma non rexistrada. Ademais, foi detido en marzo deste ano tras protagonizar un sinistro viario e presuntamente ameazar ao outro condutor cunha arma.

Comentarios