Louzán, proclamado por segunda vez presidente da Federación Galega de Fútbol

A toma de posesión do cargo producirase o día 14, tal e como establece o regulamento electoral

Proclamación de Louzán como presidente de la Federación Gallega de Fútbol. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Proclamación de Louzán como presidente da Federación Galega de Fútbol. PEPE FERRÍN (AGN)

Rafael Louzán foi reelixido este luns presidente da Federación Galega de Fútbol, cargo no que cumprirá o seu segundo mandato.
A súa proclamación como presidente na Asemblea Xeral Extraordinaria que se celebrou na sede federativa de Santiago de Compostela é provisional, xa que a toma de posesión do cargo producirase o día 14, tal e como establece o regulamento electoral.

O acto comezou coa constitución da Asemblea e a toma de posesión dos 150 membros electos. A continuación procedeuse á proclamación do presidente sen necesidade de votación, xa que Louzán era o único candidato. O presidente da Federación Galega asegurou que "o fútbol galego falou alto e claro" para consolidar o seu "modelo de xestión".

Louzán apoiou a súa afirmación en que "dos 79 votos das anteriores eleccións" pasou a contar co aval de 140 dun total 150 asembleístas, o que considerou "alto grao de lexitimidade e de responsabilidade". Ademais, presentou as liñas mestras do seu segundo mandato, con apertura de clínicas propias, como a que xa está a funcionar en Santiago, para mellorar a atención sanitaria.

Tamén prometeu mellorar a competición no fútbol base, axustar as tarifas arbitrais para os clubs que máis pagan, crear liñas de axudas para o material deportivo, axudar aos equipos na elaboración de proxectos para a mellora das súas instalacións e fomentar o fútbol feminino. 

Comentarios