Luis Enrique Martínez deixa o cargo de seleccionador español tras once meses por mor dun grave problema familiar que o levou a presentar a súa renuncia á Real Federación Española de Fútbol (RFEF), que aposta polo que ata o momento era o seu segundo, Robert Moreno.
O presidente da RFEF, Luis Rubiales, e o director deportivo, José Francisco Molina, comunicaron a renuncia de Luis Enrique pola grave situación familiar que provocou que se marchase de Malta o día dun partido de clasificación á Eurocopa 2020, e que Robert Moreno xa dirixise tamén os dous últimos ante Illas Feroe e Suecia con pleno de triunfos.
Luis Enrique chegou ao cargo de seleccionador o 9 de xullo de 2018, ocupando o oco deixado por Fernando Hierro, aposta provisional no Mundial de Rusia tras o despedimento de Julen Lopetegui a dous días do debut de España. Robert Moreno convértese no seleccionador español número 56.
"Luis Enrique comunica que non vai seguir como seleccionador e téñolle que dar as grazas. É un tipo que se portou de xeito 10 coa Federación. Non temos ningún reproche, ao contrario, seguimos estando moi unidos con el. Transmitinlle que sempre terá as portas da selección abertas", manifestou ao comunicar o adeus de Luís Enrique na Cidade do Fútbol.
Rubiales explicou como acolleron a decisión e a confianza na súa substitución, Robert Moreno, ata o momento segundo técnico, que cualificou como "mellor opción", ao prolongar a liña de traballo iniciada hai un ano.
Pola súa banda, José Francisco Molina, director deportivo da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), asegurou que tras coñecer a renuncia de Luís Enrique "a única posibilidade" que contemplaron como novo seleccionador foi Robert Moreno, e o premio ao traballo do equipo actual.
"Dou as grazas á Federación pola súa confianza. É un día agridoce, máis agre que doce. Sempre pensei chegar a ser primeiro adestrador algún día, pero non deste xeito", confesou nas súas primeiras palabras como seleccionador.
Convencido de que os resultados marcarán o éxito ou o fracaso da aposta da Federación por un adestrador que nunca foi primeiro, Robert sente preparado para o reto.
"Levo moitos anos no fútbol, sempre pensei desde os 14 que ía ser adestrador no máximo nivel. Para aceptalo, animoume que Luís Enrique estaba de acordo. Apoiounos e díxonos que adiante. é o máis importante. Valoraron o traballo e a profesionalidade de todo o staff", dixo.