Maradona: "Despois de Messi somos un equipiño máis"

"Lamentablemente pasou na cancha o que nós viñamos anunciando", lamentou O Pelusa

Diego Armando Maradona. AEP
photo_camera Diego Armando Maradona. AEP

O exxogador arxentino Diego Armando Maradona, campión do mundo en 1986, asegurou tras a eliminación da selección albiceleste nos oitavos de final do Mundial de Rusia que "despois de Leo Messi" o combinado é "un equipiño máis".

Durante a emisión do programa De la Mano del Diez en Telesur, Maradona sinalou que a derrota (4-3) ante a escuadra de Francia non lle sorprendeu "para nada". "Lamentablemente pasou na cancha o que nós viñamos anunciando. Nós estamos a depender de Messi e logo de Messi somos un equipiño máis", lamentou O Pelusa.

O exseleccionador arxentino restou responsabilidade aos xogadores "porque deixaron todo o que puideron na cancha", pero pediu ao presidente da Asociación do Fútbol Arxentino (AFA) Claudio Tapia, que tome "solucións que lle fagan ben aos mozos que están a apuntar á selección".

"Arxentina está mal, non ten unha súper liga como a ten España e crémonos que son verdadeiras unha chea de cousas que realmente son incribles. Eu vexo que Arxentina está fundida economicamente", dixo o 10.

Preguntado polo encontro ante o combinado galo, Maradona considerou que Arxentina se viu "espida nun momento onde máis experiencia tiñan que ter os seus xogadores". "Vin a Leo moi só, moi lonxe do arco", expuxo. "E como equipo non temos rumbo, non sabemos atacar, non sabemos que facer cando temos a pelota", sostivo.

Comentarios