O marroquí Sofiane Boufal, cuarta fichaxe do Celta

O centrocampista chega cedido do Southampton inglés ata 2019

Sofiane Boufal. RCCELTA
photo_camera Sofiane Boufal. RCCELTA

O Celta de Vigo anunciou este venres a incorporación do internacional marroquí Sofiane Boufal, quen chega cedido do Southampton inglés ata xuño de 2019.

No entanto, o club presidido Carlos Mouriño incluíu unha opción de compra sobre os dereitos federativos do centrocampista no acordo pechado co conxunto británico.

"Trátase dun futbolista de contrastada calidade, cun gran caneo e capacidade para desenvolverse con soltura tanto nas bandas como noutras posicións ofensivas", destaca o Celta no seu comunicado.

Boufal incorporarase aos adestramentos unha vez supere o recoñecemento médico ao que será sometido nas próximas horas, e será presentado ante os medios ao longo da semana que vén.

Formado nas categorías inferiores do Angers, o extremo, de 24 anos, debutou na primeira división francesa co Lille, club que no 2016 traspasouno ao Southampton, co que disputou 59 partidos na Premier League.

O xogador franco-marroquí é a cuarta fichaxe do Celta para o curso 2018-19 tras o lateral David Juncá, o mediocentro Okay Yokuslu e o central Néstor Araujo. 

Comentarios