Messi e o seu pai, investigados en Arxentina por branqueo de diñeiro a través da súa fundación

A Fiscalía trata de pescudar se a entidade declarou as millonarias doazóns que recibía

Leo Messi. INSTAGRAM
photo_camera Leo Messi. INSTAGRAM

Un fiscal arxentino imputou este venres ao futbolista do FC Barcelona Leo Messi e ao seu pai por lavar supostamente diñeiro a través da fundación que leva o seu nome, segundo confirmaron a Efe fontes do caso.

O fiscal do penal económico Pablo Turano investiga se a Fundación Leo Messi non declarou as millonarias doazóns que recibía e que desviaría a sociedades en paraísos fiscais, unha acusación pola que pai e fillo terán que declarar en Buenos Aires nunha data que aínda non se concretou.

A imputación chega despois de que este mércores declarase contra os Messi un excolaborador da fundación que afirmou que parte das achegas non se reflectían nas contas e eran transferidas a estruturas opacas en terceiros países.

O extraballador comezou a sospeitar porque, a pesar de que a fundación do futbolista percibía importantes doazóns, Jorge Messi sempre alegaba que non había fondos para levar a cabo os programas sociais, segundo a versión que deu a Efe o avogado querellante, Pedro Fontanetto.

A Fundación Leo Messi foi creada en 2007 "a partir da sensibilidade de Lionel de xerar novas oportunidades para concretar os soños de nenos en todo o mundo", e defínese na súa páxina web como "unha entidade sen fins de lucro abocada ao desenvolvemento de accións solidarias e de compromiso social, tanto na República Arxentina como no mundo". 

Comentarios