Morre o ex piloto de Formula 1 Niki Lauda, aos setenta anos

O empresario someteuse o pasado verán a un transplante de pulmón que o obrigou a estar hospitalizado varios meses

Niki Lauda, en 2015. VALDRIN XHEMAJ
photo_camera Niki Lauda, en 2015. VALDRIN XHEMAJ

O expiloto austríaco Niki Lauda, triplo campión do mundo de Fórmula Un, faleceu, segundo anunciou a súa familia nun comunicado.

"Con gran dor anunciamos que o noso querido Niki faleceu apaciblemente o 20 de maio de 2019, rodeado da súa familia", comunicaron os achegados do piloto e empresario de 70 anos.

Lauda someteuse o pasado verán a un transplante de pulmón que o obrigou a estar hospitalizado varios meses, e o pasado mes de xaneiro tivo que volver ser internado por mor dunha gripe que contraeu durante o nadal anterior en Eivissa (España), onde o ex piloto tiña a súa segunda residencia.

O pasado febreiro, Lauda cumprira 70 anos.

"Os seus logros únicos como deportista e como empresario son e serán sempre inesquecibles. O seu dinamismo inesgotable, a súa rectitude e a súa valentía serán un modelo e unha referencia para todos nós", recordou a súa familia na nota na que anunciou a súa morte.

Lauda xa fora sometido a senllos transplantes de ril en 1997 e 2015, neste último caso grazas á doazón do órgano por parte da súa entón noiva e agora viúva Birgit.

Comentarios