Ortega recibirá finalmente a medalla de bronce

O atleta foi obstaculizado polo xamaicano Omar McLeod na final de 110 metros valas do Mundial de Doha
Orlando Ortega. FELIPE TRUEBA (EFE)
photo_camera Orlando Ortega. FELIPE TRUEBA (EFE)

O español Orlando Ortega, obstaculizado polo xamaicano Omar McLeod na final de 110 metros valas dos Mundiais, recibirá a medalla de bronce ao aceptar o Xurado de Apelación os novos argumentos da delegación española, segundo informou o presidente da Federación, Raúl Chapado.

"A falta da resolución oficial, avisáronnos de que Orlando Ortega foi convocado para a cerimonia de entrega de medallas", explicou Chapado, que horas antes anunciara a presentación dun novo escrito no que se achegaban novas probas da obstrución que sufriu Ortega.

A IAAF anunciou que España presentara unha segunda reclamación e que o Xurado reconsiderou o caso á vista da obstrución por parte de McLeod, de forma que admite a apelación e resolve que Ortega sexa galardoado tamén coa medalla de bronce. A medalla é a primeira do equipo español en Doha e tamén a primeira do vallista habaneiro, actual subcampión olímpico, en campionatos do mundo.

A primeira reclamación española, presentada a noite do mércores inmediatamente despois da carreira, foi desestimada polo Xurado de Apelación alegando que o suceso "non é infrecuente en probas de valos". O Xurado recoñeceu, con todo, que o atleta español foi obstaculizado, pero concluíu que este tipo de incidentes non é infrecuente en probas de valos, polo que a apelación española era denegada.

España reclamaba que se repetise a final ou ben que, en xusta reparación polo prexuízo sufrido, se lle concedera ao atleta español a medalla correspondente ao posto que ocupaba no momento do incidente (terceiro segundo o escrito).

O estadounidense Gran Holloway, líder mundial do ano con 12.98, foi o gañador da accidentada final, na que Orlando Ortega foi obstruido polo campión olímpico e mundial, o xamaicano Omar McLeod, cando o español, ao atacar o último obstáculo, ía segundo a poucos metros da meta. A medalla de prata foi para o ruso Sergey Shubenkov con 13.15 e a de bronce para o campión de Europa, o francés Pascal Martinot-Lagarde (13.18), que agora compartirá podio con Ortega.

McLeod, que derrotou a Ortega na final olímpica de Río 2016, foi descualificado aquí en Doha, pero o español terminou quinto. O habaneiro, desconsolado tras a carreira, falou directamente de "roubo" e de "inxustiza".

Comentarios