"Ante todo son arxentino e son español, teño as dúas nacionalidades. A miña avoa era de Vigo, de Monforte de Lemos, teño raíces galegas". Entre a cidade olívica e a do Cabe median 139 quilómetros de estrada e incluso unha provincia, a de Ourense, aínda que Santiago Solari non parece telo moi claro.
Polo menos esa impresión deu cando este mércores se fixo unha pequena lea coa xeografía galega ao responder a unha pregunta sobre como sentía ante a final da Copa Libertadores que se disputará en Madrid. O rosarino non dubidou en declararse "arxentino e español". E quixo situar tamén as súas raíces en Galicia, de onde era a súa avoa. Aínda que polo que parece non visitou demasiado a terra dos seus antergos. Ou, se o fixo, non lle quedou moi claro que Monforte pertence a Lugo e que Vigo está a máis de hora e media de viaxe e noutra provincia.
No vídeo, pódese ver o lapsus xeográfico de Solari a partir do minuto 11.