Verstappen gaña no Gran Premio de Austria

O alemán Sebastian Vettel recuperou o liderado do Mundial de Fórmula un

Verstappen. EFE
photo_camera Verstappen. EFE

O holandés Max Verstappen (Red Bull) foi o vencedor, este domingo, do Gran Premio de Austria e o alemán Sebastian Vettel (Ferrari) recuperou o liderado do Mundial de Fórmula un ao termo dunha carreira na que o desgaste dos pneumáticos e os problemas mecánicos foron decisivos.

Detrás do neerlandés, que gañou a súa cuarta proba desde que está na F1, entraron os Ferrari do finlandés Kimi Raikkonen e o alemán Sebastian Vettel, que recupera o liderado do mundial despois de que os Mercedes do británico Lewis Hamilton e o finlandés Valtteri Bottas abandonasen por problemas mecánicos.

O español Fernando Alonso, que saíra desde o pit lane por unha penalización, acabou oitavo e volveu entrar nos puntos despois de tres carreiras sen facelo, e Carlos Sainz (Renault) foi duodécimo.

A carreira tivo diferentes líderes, desde que Lewis Hamilton lle arrebatara xa na primeira curva a primeira posición ao seu compañeiro Valtteri Bottas, quen tivo que abandonar a carreira na volta 15 por problemas na presión hidráulica. Debido a iso, a saída do coche de seguridade virtual non axudou moito a Hamilton, xa que todos os seus perseguidores entraron a cambiar pneumáticos e o inglés tivo que aguantar a forte degradación cos que iniciou a proba.

Na volta 25, Hamilton si que entrou a cambiar pneumáticos e na entrada en pista xa era cuarto, entre os dous Ferrari, con Verstapen xa comandando a carreira. Co incremento da temperatura empezaron a aparecer serios problemas de degradación das gomas, debido ao temido blistering, que deforma o pneumático e obriga a coidalo ou cambialo, co inconvinte de perder tempo nunha carreira na que se ía a unha parada.

Ricciardo tivo que cambiar por segunda vez as gomas na volta 39, e na mesma trazada Vettel adiantou a Hamilton, quen na 53 debeu entrar en boxes para pór outros pneumáticos ante a grave degradación que sufría. A pesar de incorporarse xusto por diante de Ricciardo, o inglés abandonou na 63 por un problema na presión da gasolina. O australiano, que este domingo cumpría 29 anos, ao final acabou "celebrando" o seu aniversario cun abandono (na 55).

No tramo final da carreira, a pesar de que as gomas de Verstappen ían ao límite, o mozo neerlandés soubo manter o coche con firmeza e conducilo por primeira vez á vitoria en Austria, sede do seu equipo, e romper coa tradición de Mercedes, que desde que este gran premio regresou ao calendario da F1 (no 2014) non cedera nin unha soa vitoria.

O podio intégrano tamén os dous Ferrari, que no último tramo da carreira non recibiron ningunha indicación, á marxe da recibida por Raikkonen para que atacase a Verstappen, vencedor este ano por primeira vez nunha carreira, pero que conta con tres máis no seu historial. A deste domingo foi a terceira vitoria de Red Bull este curso, tras as dúas de Ricciardo en China e Mónaco. A pesar da terceira posición de Vettel, o feito de que Hamilton non concluíse a carreira, dálle ao alemán novamente o liderado do mundial, que perdeu a semana pasada no GP de Francia en mans do británico, quen gañou a carreira.

Finalmente, Fernando Alonso puido crebar o refacho de tres carreiras seguidas sen puntuar, e mercé aos problemas de pilotos de diante e a súa astucia nos adiantamentos, o McLaren do español puido entrar oitavo, nunha carreira na que, por penalización, saíra desde a rúa de garaxes por cambiar o frontal do seu coche e o MGU-K á vez, o que o librará doutra sanción a semana que vén en Silverstone.

O outro español, Carlos Sainz, tamén con problemas de pneumáticos, puido acabar a carreira, pero esta vez fóra dos puntos, na duodécima posición. é a segunda vez este curso, xunto a Baréin, que o madrileño non puntúa.

Comentarios