Vinicius: "Neymar é o meu ídolo"

O dianteiro brasileiro foi presentado este venres como xogador do Real Madrid

Vinicius Júnior. MARISCAL (EFE)
photo_camera Vinicius Júnior. MARISCAL (EFE)

O dianteiro brasileiro Vinicius Júnior, novo xogador do Real Madrid, afirmou na súa presentación que ten como ídolo ao seu compatriota Neymar, aínda que non quixo entrar en comparacións con el. "Neymar é o meu ídolo. É alguén a quen sigo moi de cerca e téñoo como ídolo, eu e todos os brasileiros. No que son parecido ou mellor, sodes vós quen tedes que dicilo. Eu só teño que traballar aquí no Real Madrid", dixo.

"Teño o soño de xogar con Neymar e se Deus quere en pouco tempo xogarei con el na selección. Iso vai ser estupendo para os fans brasileiros", engadiu acompañado do ex futbolista Ronaldo Nazario na súa primeira comparecencia ante os medios españois.

O xogador asegura que non pensa en fracasar: "Veño do Flamengo, que é un club que xa ten moita presión. Afíxenme porque os meus axentes e a miña familia danme o maior apoio posible para que eu me preocupe nada mais que de xogar. Non vexo as noticias e non penso en fracasar, só en gañalo todo coa camiseta do Real Madrid". "Fáltanme palabras para describir o que sinto. Podo agradecerllo a Deus, á miña familia e aos meus amigos que me axudaron sempre e séguenme axudando. O que fixen no Flamengo pódoo facer agora e pódoo facer mellor", sinalou.

O futbolista falou dos seus primeiros días de traballo co equipo: "Estou a prepararme cada día. Estou a adestrar co Real Madrid para adaptarme o máis rápido posible. Aparte do idioma o fútbol é un pouco distinto. Pero Lopetegui estame axudando moito, está a dicirme o que teño que mellorar e que facer. E tamén algúns xogadores para que lles poida axudar durante toda a tempada".

"É un grupo marabilloso, acolléronme moi ben. Sempre me están preguntando e dicíndome que teño que facer mellor para adaptarme dunha forma máis rápida. Nos adestramentos conseguín xogar como xogaba no Flamengo e iso faime estar moi contento", declarou.

Sobre as indicacións que recibiu do seu técnico Julen Lopetegui, explicou: "O adestrador sempre me di que teño que facer e díxome que a parte defensiva non me podo pór a driblar nin a regatear, é moi perigoso. Cando falamos un co outro sempre me di que vaia encima do adversario e busque o gol". "Lopetegui nestes primeiros días axudoume moito e creo que me vai a axudar un pouco máis. É estupendo que saiba un pouco de portugués, cando teño algunha dificultade pódema traducir", expresou.

Vinicius apuntou que non ten favoritos entre os seus compañeiros: "Todos os xogadores son os meus favoritos. Só os vin nos videoxogos e por televisión, agora podo estar ao seu lado adestrando o cal é algo inexplicable. Vou traballar moito para chegar á calidade que teñen e poder axudarlles no futuro".

Preguntado pola saída de Cristiano Ronaldo, respondeu: "Cristiano é unha lenda do Real Madrid, a todo o mundo lle gusta moito e eu estou moi contento e moi feliz de estar á beira de Benzema, de Bale, dos que vou xogar no futuro. Quedan moitos xogadores por vir, os mellores do mundo na súa posición. Quero xogar con eles e poder axudar".

Ademais deu mostras de ambición: "O meu obxectivo aquí é sempre gañar máis. Estou obsesionado con vencer, sempre quero estar no top. Por iso escollín o Real Madrid. Veño para gañar moitos mais títulos e conquistar moitos máis campionatos".

En canto á súa situación, confirmou que permanecerá no Real Madrid: "Quedo no Real Madrid. Estarei no primeiro equipo e eles son os que decidirán se vou xogar co Castilla algúns partidos para ir adaptándome o máis rápido posible". Doutra banda, non lle deu importancia ao feito de que pouse cunha camiseta sen número na súa presentación: "Nin me dei conta de que a camiseta non tiña número. Vin xogar e o número que escolla vouno pór nesta camiseta con moito orgullo e dar moitas alegrías aos seguidores do Real Madrid".

Comentarios