O 40 aniversario máis aciago da CEG

Fundada en 1981, a patronal galega afronta unha crise sen precedentes tras a renuncia do efémero José Manuel Díaz Barreiros. Nunha entrevista concedida a AGN o día anterior á súa dimisión, o ourensán pedía que non lle puxesen "pedras no camiño"
Sede de la CEG (confederacion de empresariso)
photo_camera Sede da CEG en Santiago. Pepe Ferrín (AGN)

"Isto non trata só do labor dun presidente, ten que ser unha tarefa de todos os empresarios e de que estes teñan interese en que a CEG funcione. Asumo a presidencia cuns apoios que hoxe teño e que intentarei manter, pero non teño máis equipo que eses apoios". Este era a análise realista que José Manuel Díaz Barreiros facía o día 25 de novembro, apenas 24 horas despois de ser elixido como o noveno presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Así se pronunciaba nunha entrevista concedida a AGN para analizar os desafíos do seu mandato, unha publicación que non chegou a ver a luz debido á súa sorpresiva dimisión ás 48 horas do seu nomeamento por aclamación nun proceso electoral rodeado de controversia.

Nin sequera a bagaxe que supuñan os sete anos nos que formou parte dos órganos de goberno da CEG en representación da patronal ourensá (CEO) e o seu coñecemento da que el mesmo definiu como "guerra interna" —e que circunscribiu á presión das organizacións sectoriais por lograr unha maior representatividade fronte ás provinciais— servíronlle de escudo para resistir a uns días nos que incluso viu exposta a contabilidade das súas empresas nos medios.

"Aquí hai alguén que ten un interese en facerlle dano á CEG e o que fixo José Manuel é dar un golpe na mesa, pois non se pode facer refén á organización", apuntaba o día 26 unha fonte próxima á institución, que defendeu que, "dos últimos catro presidentes, Díaz Barreiros é o que máis apoio tivo".

Aínda que a votación presencial non chegou a celebrarse, o ourensán atara o apoio dos 30 vogais da CEO, os 32 da patronal lucense (CEL) e os 40 da coruñesa (CEC). A estes 102 votos sumaríanse outros 21 emitidos no proceso telemático que se desenvolveu entre o venres 20 de novembro e o día 23, no que participaron membros das sectoriais e algún vogal da organización pontevedresa (CEP). Pero o acordo de última hora instado polos presidentes das provinciais e selado entre Díaz e o seu rival Pedro Rey para que este último se retirase e o ourensán fose designado presidente por aclamación sen culminar a votación prendeu a mecha da discordia.

Ao "temor" a que se impugnase "un proceso de votación viciado" apuntaron como causa da renuncia o secretario xeral da patronal do metal Asime, Enrique Mallón; o presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego, José Antonio Vázquez Freire, e o que fora líder da CEG e representante da Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado, Antonio Dieter Moure. Ao mesmo tempo, estes alegaron non poñer "en ningún momento en cuestión a elección ou nomeamento" de Díaz Barreiros e cargaron de forma velada contra o patrón coruñés e durante 12 anos primeiro espada da CEG, Antonio Fontenla, ao que retaron a apartarse, atribuíndolle prácticas propias de réximes "ditatoriais".

En cinco anos, a división territorial, as rifas e a loita entre provinciais e sectoriais fagocitaron catro presidentes

Estes solicitaron á CEG o reconto dos 54 votos emitidos online, un paso que tamén deu o presidente da CEP, Jorge Cebreiros, a pesar de apoiar a elección por aclamación de Díaz en Santiago. O patrón de Pontevedra demandou coñecer o resultado para poder informar aos órganos colexiados da confederación, despois de que oito vogais da provincial que votaron online trasladasen o seu descontento a Cebreiros por non consultarlles se debía apoiar suspender a votación para aclamar o ourensán presidente.

PRESIDENTES FAGOCITADOS. Sexan cales sexan as razóns do xa exlíder da CEG, o seu breve mandato, o máis efémero que se recorda nunha institución que en 2021 cumprirá os 40 anos, volveu a sacar a relucir as miserias dunha patronal lastrada polas loitas territoriais, os egos e os personalismos. Nos últimos cinco anos, a organización queimou catro presidentes que, un tras outro, dimitiron ao ser incapaces de gobernar a que debía ser a casa común do empresariado galego.

Tras os tres mandatos consecutivos do construtor coruñés Antonio Fontenla, o que máis durou no cargo foi o avogado vigués José Manuel Fernández Alvariño, que caeu tras dous anos ao ver cuestionada a súa xestión por supostas autocontratacións con empresas do seu holding, sufrir o bloqueo da aprobación das contas e ao perder os apoios das patronais de Lugo, Pontevedra e Ourense, que o levantaron á presidencia.

Ante unha casa tan mal avenida, non é de estrañar que desde a dimisión de Antón Arias en xaneiro de 2018 se sucedesen dúas convocatorias electorais que quedaron desertas e que non callase o pretendido interese de provinciais e sectoriais por promover a un candidato de consenso para salvar as eleccións desta semana.

"CEG PARA LOBOS". Mentres se reaviva a pantasma do posible baixa dalgunha sectorial, a institución afástase cada vez máis dos intereses do empresariado. "Sabemos que hai problemas internos, pero hai unha pandemia moi importante aí fóra que hai que combater e que é o inimigo común", afirmaba tras a súa elección, en declaracións a AGN, Díaz Barreiros, partidario de centrarse xa no diálogo social, a negociación colectiva, os fondos de recuperación europeos e en problemas como a grave crise da hostalería.

"O que non se pode facer é poñer pedras no camiño, porque non só afecta á figura do presidente, senón que, ao final, vas contra unha institución", resolvía quizá prevendo xa que o seu sería un mandato efémero nunha CEG que "é para lobos", como recoñecen algúns dos seus membros.

Comentarios