O 47% dos autónomos cobra a pensión mínima en Galicia

Un profesional por conta propia percibe uns 519 euros menos que un asalariado ao xubilarse
Un grupo de xubilados sentados nun banco. AEP
photo_camera Un grupo de xubilados sentados nun banco. AEP

Sostén do 20,4% do total do emprego na comunidade —o 16,8% no conxunto do Estado—, os autónomos galegos seguen cargando coa lousa de acceder a unhas pensións públicas inferiores ás dos asalariados cando chega a xubilación. Os datos da Seguridade Social indican que, de media, os cotizantes do réxime xeral que se retiraron o ano pasado percibiron uns 1.299,8 euros, en tanto que os traballadores por conta propia cobraron 780,54, un 40% menos. A fenda está intimamente ligada co feito de que o 76,6% cotiza pola base mínima, un feito que deriva, en moitos casos, da falta de medios. 

No aire continúa a reforma que ía axustar as cotizacións aos ingresos reais, un compromiso que o Goberno de Sánchez asumira para este ano e que quedou en suspenso debido ao bloqueo político. En xaneiro, as cotas incrementáronse despois de que as organizacións Upta e Ata pactasen co Executivo universalizar as coberturas por accidente laboral, enfermidade profesional, por paro e para formación. 

Entre as autónomas, o peso das prestacións mínimas roza o 53% en Galicia, fronte ao 40% entre os homes

Con este panorama, en 2018, un total de 82.641 autónomos xubilados amañáronse en Galicia coa pensión mínima, que para os maiores de 65 oscilou entre 623,4 e 810,6 euros, dependendo de se tiñan ou non cónxuxe a cargo. Aínda que seguen sendo o 47,6% do total (no Estado son o 34,6%), o seu peso foise reducindo, pois en 2012 representaban máis da metade dos casos (52,5%). De feito, 2017 foi o primeiro ano no que os beneficiarios das prestacións máis reducidas deixaron de ser maioría na comunidade. Pero neste punto cabe non perder de vista que persiste a fenda de xénero, pois mentres o peso das prestacións mínimas se reduce ao 40% entre os homes, no caso das autónomas galegas, a cota roza o 53%, en boa medida polo seu elevado peso no réxime agrario.
 

Pouco emprego para soster as pagas
A organización de autónomos Ata sinalou esta semana que, por cada pensionista do réxime xeral (son uns 7 millóns), existen 2,2 asalariados que pagan mensualmente as súas cotas (15,9 millóns de cotizantes). En cambio, a proporción cae a só 1,6 no caso dos autónomos. Ata reivindica medidas que faciliten a substitución xeracional en negocios viables e impulsar a xubilación activa.

0,8
Son os autónomos que cotizan por cada prestación que se abona ao colectivo en Galicia. O dato deriva en boa medida de que o emprego por conta propia leva xa tres anos e medio perdendo afiliados na comunidade. No réxime xeral, a proporción é de 1,9 cotizantes por cada pensión.

Comentarios