lunes. 26.10.2020 |
El tiempo
lunes. 26.10.2020
El tiempo

Abanca analiza novas compras en Portugal tras gañar 405 millóns en 2019

Alberto de Francisco Guisasola, Juan Carlos Escotet e Francisco Botas, este martes en Santiago. EFE
Alberto de Francisco Guisasola, Juan Carlos Escotet e Francisco Botas, este martes en Santiago. EFE
Escotet confirma o interese polo luso Eurobic tras as integracións da filial portuguesa de Deutsche Bank e da rede española de Caixa Geral. A entidade gaña cota de mercado tras sumar 425.000 novos clientes

Abanca pechou 2019 navegando a contracorrente con respecto á maior parte do sector ao anotarse un beneficio neto de 405 millóns de euros, o que supón un incremento interanual do 6,7%. Trátase do resultado da estrutura societaria froito da fusión inversa acometida o pasado xuño, en cuxo marco a corporación bancaria absorbeu a súa matriz, Abanca Holding, unha operación coa que reforzou a súa solvencia.

"Francamente, foi un moi bo ano", afirmou o presidente e propietario do 90% do accionariado, Juan Carlos Escotet, que puxo en valor o feito de que a entidade se consolida como "unha das máis rendibles do sistema español", cun ROE (cociente que pon en relación o beneficio e os recursos propios) do 10%.

Cun exceso de capital de 1.267 millóns de euros con respecto aos requirimentos esixidos (CET1) polo BCE, o banco sonda novas compras, como a integración do portugués Eurobic, a condición de que poida alcanzar unha posición de control reforzada, isto é, facerse polo menos co 75% do capital. Así o confirmou Escotet este martes en Santiago nunha rolda de prensa na que recalcou a súa aposta por fusións "con sentido económico" e que resulten "complementarias" ao seu modelo de negocio.

Sobre esta base, o presidente admitiu que o país veciño é un mercado "especialmente atractivo", cunha taxa de desemprego que xa se atopa por baixo do 6% e unhas expectativas de crecemento superiores ao 2% para este ano, por enriba das proxeccións para España. A intención de Abanca é "consolidarse como banco ibérico".

A entidade aspira a consolidarse "como un banco ibérico" e ve no país veciño un mercado "especialmente atractivo"

"España tamén está nos obxectivos estratéxicos" de crecemento, aínda que, polo menos no curto prazo, "non pareza que haxa grandes oportunidades", afirmou o primeiro executivo ao ser preguntado por se decaeu o interese pola asturiana Liberbank tras o intento frustrado en febreiro de 2019.

O encargado de desglosar as cifras da conta de resultados foi o conselleiro delegado, Francisco Botas, quen destacou que o volume de negocio supera os 85.000 millóns. É o reflexo dunha carteira de crédito que alcanzou os 35.963 millóns ao despuntar un 22,8% coa integración das redes de Deutsche Bank e Caixa Geral e o financiamento a pemes e autónomos como catalizador; en tanto que o aforro captado de clientes medrou un 23,7%, ata os 48.286 millóns, cun forte crecemento do negocio fóra de balance, isto é, os seguros e fondos de investimento.

En total, a institución financeira gañou 425.000 novos clientes, dos cales 200.000 proceden das dúas absorcións acometidas en 2019.

Con estas vimbias, o banco gañou cota de mercado no último ano. En Galicia, copa o 42,3% do aforro en depósitos, un 1,4% máis, en tanto que en crédito o crecemento foi de dous puntos, ata o 34,4%. No conxunto de España, o operador alcanzou o 2,9% en depósitos (+0,19%) e o 2,6% no mercado crediticio (+0,36%).

Abanca analiza novas compras en Portugal tras gañar 405 millóns en...
comentarios