Abanca comeza a operar en EE UU coa apertura dunha oficina en Miami

A entidade poderá prestar servizos financeiros en todo o territorio estadounidense

Juan Carlos Escotet. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Juan Carlos Escotet. LAVANDEIRA JR. (EFE)

Abanca comezou a operar no mercado bancario de Estados Unidos coa apertura da súa nova oficina en Miami (Florida), informou a entidade financeira nun comunicado.

Ademais de en España, Abanca está presente noutros 10 países de Europa e América a través dunha rede internacional de 14 centros, seis deles con ficha bancaria propia (en Estados Unidos, Portugal e Suíza) e oito na modalidade de oficina de representación (en Brasil, México, Panamá, Venezuela, Francia, Alemaña, Suíza e Reino Unido).

A elección de Miami como centro de operacións de Abanca en Estados Unidos débese, sinala a nota, ao papel da cidade como porta de entrada para numerosas empresas españolas ao mercado americano e como lugar de residencia dunha ampla comunidade de persoas de orixe española, portugués e latinoamericano.

No entanto, desde esta oficina, cuxa apertura foi autorizada pola Reserva Federal de Estados Unidos en outubro, Abanca poderá prestar servizos financeiros en todo o territorio estadounidense.

Coa súa entrada en Estados Unidos o obxectivo de Abanca é seguir crecendo en mercados de alto potencial, e especialmente no segmento de empresas e clientes particulares de rendas medias e altas. 

O acto de apertura en Miami contou coa presenza do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet Rodríguez; o conselleiro delegado, Francisco Botas; os conselleiros Eduardo Eraña e Pedro López, o director xeral de Negocio Internacional, Afonso Caruana, e a directora da oficina de Miami, Mónica Vázquez.

Comentarios