Abanca comprará o Banco Caixa Geral en semanas tras obter luz verde do BCE

A integración informática, xurídica e contable materializarase no primeiro trimestre de 2020
Sucursal de Abanca. PEPE FERRÍN (AEP)
photo_camera Sucursal de Abanca. PEPE FERRÍN (AEP)

Abanca recibiu a autorización do Banco Central Europeo (BCE) para pechar a compra da filial española de Caixa Geral de Depósitos, unha operación que se materializará nas próximas semanas, segundo informou a entidade. 
A luz verde do BCE supón o último requisito para culminar a adquisición de Banco Caixa Geral, despois de que Abanca se impuxese na poxa na que competía contra Cajamar por facerse coa filial española do banco portugués tras ofrecer un prezo de 364 millóns de euros. 

A finalización destes trámites administrativos permitirá acelerar a fusión entre ambas as entidades, cuxa integración informática, xurídica e contable materializarase no primeiro trimestre de 2020. A entidade galega destaca que as claves do proxecto de integración e as súas fases de execución foron definidas nos últimos meses de forma coordinada por equipos multidisciplinares dos dous bancos, cuxos traballos tiñan o obxectivo de identificar os mellores procesos e prácticas en cada unha das áreas para ofrecer aos clientes "a mellor experiencia e calidade de servizo". 

Abanca controlará un 99,79% do capital de Banco Caixa Geral

Tras esta fusión, Abanca integrará aos máis de 500 traballadores de Banco Caixa Geral e sumará un volume de negocio de 7.000 millóns de euros e 131.000 clientes, xestionados a través dunha rede comercial de 110 oficinas repartidas en dez comunidades autónomas en España, con especial presenza nas provincias máis próximas á fronteira con Portugal.

SÉPTIMO BANCO ESPAÑOL POR PATRIMONIO. Deste xeito, o banco resultante colocarase como sétimo no ranking de entidades españolas por patrimonio neto e no oitavo por volume de activos. Abanca destacou a súa consolidación como "unha das entidades máis relevantes do mercado ibérico grazas a esta operación, pero tamén á recente integración do negocio adquirido a Deutsche Bank en Portugal. 

Banco Caixa Geral é un banco español resultante da fusión de Banco Simeón, Banco de Estremadura e Chase Manhattan Bank España (posteriormente denominado Banco Luso Español) que forma parte do grupo financeiro portugués Caixa Geral de Depósitos, presente en 23 países. 

O pasado mes de novembro, o Consello de Ministros de Portugal aprobou a súa adquisición por 364 millóns a Abanca, que controlará un 99,79% do seu capital. 

Comentarios