Abanca desiste da compra de EuroBic aínda que reafirma o seu interese polo mercado portugués

Avanza que seguirá analizando operacións de compra que acheguen sinerxías ao seu proxecto no país veciño
Logotipo de Abanca. AEP
photo_camera Logotipo de Abanca. AEP

Abanca renunciou a seguir adiante coa compra do 95% do banco portugués EuroBIC, despois de que non se cumpriran as condicións pactadas con anterioridade, aínda que insistiu no seu interese polo mercado portugués. 
A entidade anunciou o pasado mes de febreiro a súa intención de levar a cabo esta adquisición, que supuña a quinta operación corporativa de Abanca nos últimos anos, após iniciar un modelo de integración doutras entidades en 2014 coa compra de Banco Etcheverría, á que seguiron a adquisición de Popular Servizos Financeiros en 2017 e de Deutsche Bank PCB e Banco Caixa Geral en 2018. 

No entanto, Abanca lamenta que se truncaron os seus plans "a pesar de dedicar importantes esforzos e recursos á devandita transacción", véndose obrigada, finalmente e catro meses máis tarde, a desistir da operación ao non cumprirse as condicións pactadas no seu momento. 

EuroBic conta cuns 266.700 clientes, un volume de negocio de 11.699 millóns de euros, un volume de crédito de 5.198 millóns de euros e 6.148 millóns de euros en depósitos. Segundo os datos de peche de 2019, a súa taxa de morosidade é do 6,4%, o cadro ascende a 1.482 empregados e a súa rede está integrada por 184 oficinas. 

Desta forma, trúncase a posibilidade de que Isabel dos Santos, filla do expresidente angoleño José Eduardo dos Santos e considerada a muller máis rica de África, puidese vender a súa participación do 42,5% na entidade. A empresaria foi acusada en Angola por malversación e branqueo de capitais en relación coas súas actividades cando presidiu a petroleira estatal Sonangol.

INTERESE EN PORTUGAL. A pesar de todo, a entidade continua mostrando interese polo mercado portugués, polo que xa avanzou que seguirá analizando operacións de compra que acheguen sinerxías ao seu proxecto en Portugal. De feito, nun comunicado defende que neste país conta cun proxecto "sólido e en crecemento, con presenza nas principais cidades e centros económicos que lle permitiu situarse como a primeira entidade financeira en advisory banking". 

Abanca conta con máis de 700 oficinas repartidas por 11 países de Europa e América e un equipo formado por máis de 6.000 profesionais. Xestiona un volume de negocio de 85.537 millóns, 37.166 millóns en préstamos e 47.621 como recursos de clientes. A mora e a súa cobertura sitúanse no 2,7% e o 61,6%, respectivamente. A entidade pechou o primeiro trimestre de 2020 cunha rendibilidade (ROE) do 10,9%. 

Comentarios