Abanca gaña 247 millóns de euros ata xuño e reduce un 27% a morosidade

Rexeita o imposto á banca que prepara o Goberno de Sánchez por "discriminatorio" e avisa de que terá "efectos prexudiciais"

Francisco Botas, Juan Carlos Escotet y Alberto de Francisco, en la presentación de los resultados de Abanca del primer semestre de 2018. EFE
photo_camera Francisco Botas, Juan Carlos Escotet e Alberto de Francisco, na presentación dos resultados de Abanca. EFE

Abanca pechou o primeiro semestre cun beneficio neto de 247 millóns de euros, o que supón un incremento do 7,8% en comparación co mesmo período de 2017, un resultado sostido no dinamismo comercial e no incremento da rendibilidade, que alcanzou o 11,8%.

Cun cociente de morosidade entre as máis reducidas da banca española ao descender un 27,6% en termos interanuais, ata o 4,6%,  a entidade segue disposta a "explorar" as oportunidades de crecemento ao dispor dun exceso de capital sobre as esixencias do Banco Central Europeo (BCE) de 1.809 millóns de euros.

"Probablemente foi un dos nosos mellores semestres", indicou este xoves pola mañá en Santiago o presidente, Juan Carlos Escotet, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo conselleiro delegado, Francisco Botas e polo director xeral financeiro, Alberto de Francisco.

En referencia ao proceso de venda do negocio en España de Caixa Geral de Depósitos, polo que Abanca compite con Cajamar e o fondo Cerberus, o máximo accionista da entidade con sede en Betanzos (86,79%) apuntou que a operación "pode encaixar ben" nos obxectivos estratéxicos de Abanca, "enfocada con perfil técnico e prudente".

Botas chama ao Executivo de Sánchez a ser "coidadoso coa xeración de emprego e a evolución da economía"

IMPOSTO Á BANCA. Nun escenario no que o Goberno de Pedro Sánchez disponse a crear un imposto á banca co fin de contribuír ao financiamento das pensións, o conselleiro delegado pronunciouse en liña coas patronais de bancos (Aeb) e caixas de aforro (Ceca) ao recalcar que "non é a solución máis adecuada" e avisar de que "pode ter efectos prexudiciais". Ao seu xuízo, ademais de xerar "unha desvantaxe competitiva" para o sistema financeiro español con respecto ao doutros países, o gravame tamén levaría "unha discriminación" con respecto a outros sectores produtivos.

Ante o posible impacto dunha medida fiscal deste calado, Botas chamou o Executivo a ser "coidadoso coa xeración de emprego e a evolución da economía".  O propio Escotet puxo o acento nesta mensaxe ao apostar por evitar "cambios que poidan supor unha desviación" da tendencia "favorable" da economía española, cun crecemento que o banco estima no 2,9% para este ano.

BANESCO. Preguntado pola situación de Banesco en Venezuela despois de que o réxime de Nicolás Maduro detivese a once executivos acusados de favorecer ou encubrir a evasion de divisas e decretase a intervención por 90 días o pasado 4 de maio, un prazo que expirará a próxima semana, o presidente de Abanca e do principal banco privado venezolano mostrouse cauto nas súas declaracións ante un conflito que, admitiu, resulta "bastante complexo e complicado" e do que asegurou "non ter noticias".

ITÍNERE. En canto ao proceso que se segue na Corte de Arbitraxe de Madrid de cara a dirimir o conflito que enfronta a Abanca (23,8%), Sacyr (15,5%) e Kutxabank (16,3%) co fondo estadounidense Corsair (37,9%) polo bloqueo que este último lles impuxo á venda das súas accións en Itínere, que explota a autoestrada AP-9, Escotet expresou a súa confianza en que o proceso estea resolto en outubro. Con todo, non descartou que as partes poidan "chegar a un acordo privado previo". "Nunca estivemos pechados a esa posibilidade", indicou. 
 

Comentarios