Abanca gaña 430 millóns en 2018, un 17,3% máis

A capacidade de xeración de resultados procede "fundamentalmente", segundo a entidade, dos ingresos recorrentes

Juan Carlos Escotet. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Juan Carlos Escotet. LAVANDEIRA JR. (EFE)

Abanca rexistrou en 2018 un beneficio neto de 430 millóns de euros, un 17,3% máis que en 2017, o "mellor exercicio da súa traxectoria en termos económicos". Así o destacou o presidente do banco, Juan Carlos Escotet, na presentación de resultados, xunto ao conselleiro delegado, Francisco Botas e o director xeral financeiro, Alberto de Francisco.

A capacidade de xeración de resultados procede "fundamentalmente", segundo Abanca, dos ingresos recorrentes (marxe básica), que creceron un 9,5% como consecuencia de maiores achegas tanto pola vía de intereses como dos ingresos por servizos.

Así, reivindica destacar en 2018 pola "súa fortaleza comercial" no negocio bancario e de seguros. O volume de negocio con clientes incrementouse ata os 69.213 millóns de euros sen ter en conta operacións corporativas, un 5,6% máis.

Ademais, a entidade reforzou a súa base de clientes cun incremento do 12% no número de nóminas domiciliadas, mentres que o número de novos clientes con seguros avanzou un 13%. "Este crecemento produciuse en paralelo a unha significativa mellora da calidade do activo", resalta a institución.