Abanca faise co control de Nueva Pescanova

A entidade que preside Escotet comprará as participacións de Caixabank e Sabadell
Sede de Nueva Pescanova en Chapela. AEP
photo_camera Sede de Nueva Pescanova en Chapela. AEP

Abanca será o accionista maioritario de Nueva Pescanova, cun 80,46% dos títulos, tras pactar con Caixabank e Banco Sabadell a compra das súas participacións, equivalentes ao 39,8% do capital da multinacional pesqueira galega.

A operación formalizarase "nas próximas semanas", informa Abanca nun comunicado no que asegura que o fai para "salvagardar unha empresa fundamental para Galicia".

O plan de Abanca inclúe reforzar a estrutura financeira de Nueva Pescanova e os seus principais ámbitos de actividade corporativa e comercial, detalla na súa nota.

De acordo co seu plan, Abanca reterá unha "participación importante" no accionariado de Nueva Pescanova para avanzar na procura dun socio industrial que permita construír "un proxecto de valor a longo prazo en Galicia".

Entre os obxectivos desta operación figura "devolver os órganos de decisión a Galicia" e reforzar o apoio de Abanca ao complexo mar industria.

Abanca recorda que nos últimos anos foi aumentando de forma paulatina a súa participación no accionariado de Nueva Pescanova, desde o 5,465% inicial ata o 40,66% previo a esta operación que acaba de pechar con Caixabank e Banco Sabadell.

Comentarios