Adolfo Domínguez reforza a súa presenza internacional con dúas tendas en Rusia

A firma galega tamén abrirá un novo punto de venda en México

Adolfo Domínguez reforza a súa aposta pola internacionalización coa apertura de dúas novas tendas en Rusia, que permite á compañía alcanzar os 487 establecementos, segundo informou a firma de moda nun comunicado.

En concreto a primeira tenda estará localizada no centro comercial Afimall City, un dos máis grandes de Moscova, mentres que en maio está prevista a apertura do seu segundo establecemento na zona comercial de Europark, tamén na capital rusa.

O desembarco en Rusia prodúcese, segundo afirma a compañía téxtil, logo de testar o mercado no país a través de tendas multimarca. Isto permítelle "reposicionar" en doce meses "o 15% da súa rede de tendas" con 26 aperturas e 50 peches, mellorando o seu peso internacional, con presenza "en cidades máis grandes e en rúas máis comerciais".

"Temos menos tendas, pero mellor situadas e mellor deseñadas", apuntou o director de Operacións do grupo, Antonio Puente, quen precisou que "o noso foco é a rendibilidade".

Dentro da aposta pola expansión, Adolfo Domínguez abrirá proximamente, en concreto o 23 de marzo, unha tenda en México, no aeroporto de Acapulco. Desta forma, o grupo suma "142 puntos de venda en México", que están presentes en catorce centros comerciais Palacio de Hierro, e outras sete tendas en cinco aeroportos do país.

Durante os 12 últimos meses, a firma de deseño de autor abriu establecementos en Guadalaxara, México DF, Cancún, Tuxtla Gutiérrez e Cidade Satélite.

En canto á súa presenza en Barcelona, a firma téxtil, con presenza en 29 países e unha facturación de 110 millóns de euros en 2016, reinaugurará a súa tenda central de Barcelona, actualmente en remodelación, cunha nova presenza, adaptada á nova estratexia e concepto da marca.

A compañía rexistrou un incremento interanual (ata novembro) do 9,5% nas vendas por tenda e a 31 de xaneiro a rede de tendas era de 487 establecementos (33 menos que hai un ano), das que un 55% están en España e un 45% noutros vinte e oito países.

Comentarios