O aforro dos galegos toca máximos ao crecer a un ritmo de 9 millóns ao día

Os galegos son os menos endebedados do Estado, pois os seus depósitos superan nun 59% o total do crédito concedido
 
Monedas. AEP
photo_camera Moedas. AEP

A propensión dos galegos ao aforro e o seu perfil conservador á hora de investir manteñen en niveis récord os depósitos nunha comunidade na que a vivenda continúa sendo o principal activo —o 79% dos fogares ten piso ou casa en propiedade—. Segundo os datos do Banco de España (BE), ao peche do primeiro trimestre os galegos tiñan 64.725 millóns de euros en contas correntes e de aforro, unha cifra sen parangón en toda a serie histórica, que os sitúa como os máis previsores do Estado ao ter a recado un 59% máis do que deben

Mentres as reservas —que inclúen 3.435 millóns en mans das administracións— creceron en relación a marzo de 2018 un 5,3%, isto é, a razón de 9 millóns ao día, o crédito incrementouse un 2,5%, ata os 40.660 millóns, un indicador que comeza a dar síntomas de enfriamento. E é que a débeda dos galegos coas entidades financeiras acumula tres caídas intertrimestrais desde xuño de 2018. Esta contracción hai que enmarcala no clima de desaceleración que afecta a Europa e tamén na incerteza política en España, dous factores que levaron a empresas a frear investimentos e que incluso comezan a deixarse sentir na concesión de crédito ao consumo.

Este termómetro da confianza das familias na conxuntura económica, cuxo crecemento vertixinoso levou ao BE a emitir reiteradas chamadas á precaución para evitar unha nova burbulla, rexistrou en abril unha contracción do 5,8% no conxunto do Estado, ao reducirse o volume de préstamos para a compra de coches, electrodomésticos ou viaxes a 44.466 millóns. 

Os depósitos seguen sendo o produto predilecto dos galegos, que ao peche de 2018 tiñan en fondos de investimento 9.996 millóns

MÁIS PREVISORES. A pesar de que a remuneración que as entidades abonan aos clientes polos depósitos son ínfimas —en maio o tipo medio das contas a un ano era do 0,04% e do 0,14 nos prazos a máis de dous anos—, a aversión ao risco dos galegos acentuouse, escaldados por experiencias como as participacións preferentes.

Isto explica que o aforro gardado nos bancos na comunidade supere nun 59% o valor total da débeda, o cociente máis elevado de todo o Estado. Séguennos Castela e León, onde as reservas superan nun 57% as obrigacións pendentes de pago, e Asturias (+28%). No polo oposto, as illas e o arco mediterráneo deben máis do que teñen en depósitos bancarios. O caso máis extremo é o de Cataluña, que non se repuxo da fuga de depósitos que derivou da crise aberta polo referendo independentista do 1 de outubro de 2017, pois alí o diñeiro en contas correntes e de aforro segue un 9% por baixo do nivel de setembro dese ano. 

Evolución do aforro e os créditos dos galegos. EPDa análise das catro provincias galegas despréndese que as maiores reservas en bancos en relación ao crédito están en Lugo e Ourense. Cunha poboación máis envellecida, en ambos os casos os depósitos duplican amplamente o financiamento vivo. 

Na comunidade, 76 de cada cen euros están en contas á vista, en tanto que o resto está en depósitos a prazo. Desde marzo de 2018, estes últimos produtos rexistraron unha fuga de 2.379 millóns, mentres que as contas correntes, polas que as entidades non adoitan abonar ningún interese, captaron 4.988 millóns.

Froito do mal comportamento dos mercados, en 2018, o último período para o que hai datos regionalizados, o diñeiro dos españois en fondos de investimento contraeuse un 2%, unha caída que superou o 3% no caso dos galegos, que tiñan 9.996 millóns nestes instrumentos. De cada 100 euros, 43 están en fondos mixtos, globais ou de retorno absoluto, cun perfil de risco medio-baixo. Mentres en Galicia o monto nestes produtos equivale ao 16% do que hai en depósitos, en Navarra supera o 42%, o que referenda que a maioría dos galegos antepón a liquidez inmediata e o risco mínimo á promesa de rendibilidades máis atractivas. 

Tampouco acaban de convencer os plans de pensións, a pesar de que o futuro das prestacións públicas continúa a debate e se suceden as chamadas a apostar polas fórmulas de previsión privadas. O último informe da patronal Inverco apunta que a peche de 2017 os recursos en plans do sistema individual chegaron a 3.552 millóns en Galicia, o que supuxo unha alza interanual do 4,7%. Ese ano, 407.392 partícipes realizaron achegas, cunha media de 8.719 euros acumulados.

Comentarios