domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

Unha alianza empresarial galega crea un respirador para fornecer hospitais

O equipo creador do respirador, encabezado por Jacobo Penide. EP
O equipo creador do respirador, encabezado por Jacobo Penide. EP
Encabezado pola coruñesa Bionix, o consorcio engloba outras cinco firmas, o Clúster TIC Galicia e a fundación Nóvoa Santos. O grupo prevé comezar a producir en serie en dúas semanas

A falta de material sanitario coa que lida a Xunta para fornecer os centros sanitarios co fin de facer fronte á pandemia do coronavirus nun escenario no que multitude de países compiten a nivel global por estes insumos levou a un consorcio de empresas galegas a desenvolver en menos dunha semana un respirador de baixo custo para a súa fabricación na comunidade.

Liderado pola tecnolóxica coruñesa Bionix, o consorcio integra o Clúster TIC Galicia, Cinfo, Electrónica&Comunicaciones, Dimalnox, i3DAtlántico e Blanco Mayer. Tamén conta coa fundación Profesor Nóvoa Santos como socio estratéxico encargado de expoñer ao grupo "unha visión práctica e enfocada á implantación" do dispositivo "en infraestruturas sanitarias en situación de crise".

Prototipo do respirador Freesterra-I fabricado por un consorcio de empresas galegas encabezado por Bionix.EPAsí o expón Jacobo Penide, o fundador e conselleiro delegado de Bionix, que sinala que o proxecto xurdiu o día 18 co fin de responder á situación de colapso hospitalario que sobrevirá en canto Galicia —que este mércores tiña 69 pacientes en Uci— alcance o pico de contaxios. "Ese mesmo día comezamos co deseño conceptual de mecánica, hidráulica, hardware e software e o Clúster TIC coordinou a integración doutras empresas", explica este enxeñeiro en telecomunicacións, que destaca que Cinfo se sumou "de forma inmediata", captando logo a firmas do sector metalmecánico, da impresión 3D e a electrónica.

E cada día reciben chamadas de máis compañías dispostas a participar ofrecendo, por exemplo, a súa capacidade de fabricación. E é que a produción en serie en grandes volumes deste ventilador "100% galego" é o reto seguinte. Este venres o primeiro prototipo estará totalmente operativo e a partir de aí arrincarán as probas con simuladores para afinar o dispositivo. A previsión é poder comezar a fabricar "no prazo de dúas semanas". Unha vez en marcha, a idea é fornecer "calquera lugar de España que o necesite", recalca Penide. 

No deseño do prototipo tamén se embarcou un equipo de anestesistas que "validou o deseño conceptual e os requisitos mínimos" para atender pacientes críticos. 

A automoción produce válvulas para ventiladores
A produción de material sanitario tamén ocupa ao Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), que coordina a Lupeon, Nort3D e Inmake para fabricar 900 válvulas de usar e tirar para respiradores "cada dez horas", ademais de ventiladores e sistemas de protección. Ceaga comprometeuse a inxectar fondos para os materiais. As firmas levan a cabo a fabricación sen ánimo de lucro.

A Xunta busca proxectos
A Axencia Galega de Innovación recordou este martes que mantén aberto ata o venres o proceso de captación de proxectos de empresas para loitar contra o coronavirus.

Unha alianza empresarial galega crea un respirador para fornecer...
comentarios