Pilar Otero Moar: "Un 70% dos borradores do IRPF está incompleto"

Coa campaña da renda de 2018 en marcha, a presidenta do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, especialista en fiscalidade, repasa as novidades

Pilar Otero Moar, presidenta del Colegio Oficial de Gestores Administrativos de Galicia.EP
photo_camera Pilar Otero Moar, presidenta do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia. EP

A presidenta do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia incide en que convén non precipitarse á hora de confirmar o resultado da declaración.

A campaña arrincou o martes cunha media de 800 declaracións presentadas ao minuto. ¿Que consecuencias ten apresurarse?

Non é nada aconsellable salvo que se trate de alguén que teña unhas ideas moi claras e coñecementos. A presura é perigosa. Se logo un se dá conta de que podería telo feito mellor ten un prazo para facer unha complementaria, pero é preferible tomarse un tempo e consultar dúbidas a un profesional. 

¿Cales son as novidades?

Moitas derivan da entrada en vigor no verán dos orzamentos xerais de 2018, aínda que un dos cambios importantes derivou do Supremo, que eximiu de tributación as prestacións por paternidade e maternidade. Ademais, hai que ter en conta que variaron os límites dos que deriva a obriga de declarar. Aínda que segue en 22.000 euros para quen percibe rendas do traballo dun só pagador, en caso de ter dous o tope subiu de 12.000 a 12.643. Se un considera que non ten obrigación de declarar e se equivoca, podería dar lugar a unha sanción. Tamén hai que estar atento a que, aínda que un non teña obrigación, podería ter dereito a devolución. Hai outras novidades como o incremento da dedución por maternidade, de 1.200 euros, que se pode elevar noutros 1.000 por gastos de gardería ou centros de educación infantil de menores de tres anos. Así mesmo, aumentan as desgravacións por familia numerosa, por investimento en empresas de nova creación e créase unha nova dedución para os contribuíntes que non poidan presentar declaración conxunta porque un dos membros vive noutro país do Espazo Económico Europeo.

É moi recomendable pararse a analizar as deducións específicas que se aplican en Galicia

¿E no caso dos autónomos?

Ao declarar trimestralmente ingresos e pagos a conta, o autónomo está ao tanto das novidades ou debería estalo. Este ano, por primeira vez poderá deducir unha porcentaxe polos gastos de subministracións como a luz ou o teléfono se desenvolve a súa actividade en casa. Iso si, isto cínguese aos que determinan o resultado da súa actividade nun procedemento de estimación directa. O que tributa por módulos, non pode. 

Tampouco se deben perder de vista as desgravacións autonómicas...

É moi recomendable pararse a analizar as opcións en Galicia. Entre as máis coñecidas está a dedución pola introdución de novas tecnoloxías no domicilio, a correspondente ás obras para mellorar a eficiencia enerxética, a ligada aos investimentos en empresas galegas ou as que derivan do nacemento, adopción ou acollemento.

¿Que parte dos borradores conteñen erros ou están incompletos?

Tomando como referencia exercicios pasados, ao redor dun 70%. Incluso pode que este ano sexa superior polas cuestións que entraron en vigor a mediados de 2018. Isto non sempre é imputable á propia Administración, pois hai circunstancias que dependen do propio contribuínte, que se pode ter esquecido de comunicar a Facenda o nacemento dun fillo ou o cambio de domicilio. 

Se se realizaron operacións con criptomoedas que deron lugar a uns rendementos, poden estar suxeitos ao IRPF

Incluíronse novos avisos ao contribuínte, como o referido ás criptomoedas, que se suma ao que recorda a obriga de declarar os alugueres vacacionais...

Facenda insiste moito en todos os alugueres. Son negocios entre particulares que non están suxeitos a retención como pasa coa maior parte dos nosos ingresos. Por iso, Facenda ten máis difícil controlar que o contribuínte declare o que percibe por esta vía, aínda que pon o foco en cuestións como os contratos ou o depósito das fianzas no Instituto Galego de Vivenda. En canto ás criptomoedas, aínda que é algo novo, a Aeat recorda que se se realizaron operacións que deron lugar a uns rendementos poden estar suxeitas ao IRPF. Aínda que a lei tributaria non aluda explicitamente ás criptomoedas, aclarouse que encaixan na definición xenérica como rendementos de capital ou co tratamento que corresponda. 

¿É aconsellable ir planificando xa o IRPF de 2019?

É moi interesante ir organizándose, de aí o valor engadido que supón acudir a un xestor. Ao realizar a declaración da renda de 2018 podemos comprobar que nos podía beneficiar reinvestir o ingresado pola venda dunha vivenda, ou incrementar un pouco as achegas a un plan de pensións para alcanzar unha porcentaxe de tributación menor. O xestor vai indicando o que se podía ter feito mellor.