Amancio Ortega ingresará este venres 693 millóns de euros en dividendos de Inditex

A súa filla Sandra, que posúe o 5,053% da firma galega, cobrará este ano máis de 118 millóns

Amancio Ortega. AEP
photo_camera Amancio Ortega. AEP

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega cobrará este venres, 2 de novembro, 693 millóns de euros pola última retribución do ano que abonará a firma galega aos seus accionistas. En total, serán 1.386 millóns os que ingrese en total este ano en concepto de dividendos da compañía.

En concreto, Ortega recibirá os case 1.400 millóns de euros en dividendos a través das sociedades Pontegadea Investimentos e Partler, coas que controla un 59,294% do accionariado de Inditex, fronte aos 1.256 millóns que percibiu polo mesmo concepto en 2017. 

O xigante galego repartirá este ano entre os seus accionistas máis de 2.300 millóns a conta dos resultados de 2017, o que supón 0,75 euros por título, un 10,3% máis. Deste importe, a compañía xa abonou o pasado mes de maio un dividendo ordinario a conta de 0,375 euros por acción, ao que se suma outro do mesmo importe en concepto de ordinario complementario e extraordinario, que se fará efectivo este venres, 2 de novembro. 

Ortega é o primeiro accionista do xigante téxtil, cunha participación do 59,294%, equivalente a un paquete de 1.848 millóns de accións. 

Pola súa banda, a súa filla Sandra Ortega, que posúe o 5,053% da firma galega, cobrará este ano máis de 118 millóns en dividendos de Inditex, fronte aos 107 millóns de euros que percibiu o ano anterior. 

Inditex rexistrou un beneficio neto de 668 millóns de euros durante o primeiro trimestre do seu ano fiscal 2018-2019 (desde o 1 de febreiro ao 30 de abril), o que supón un aumento do 2% respecto ao mesmo período do exercicio anterior. Así mesmo, as vendas situáronse en 5.654 millóns, un 2% máis, alcanzando un novo máximo histórico para o período. A tipo de cambio constante, a cifra de crecemento das vendas foi do 7%, o que demostra, segundo a firma, un "robusto" crecemento nun trimestre caracterizado polo impacto das divisas. 

Comentarios