O billete de 500 inicia a súa retirada

Os coñecidos como 'binladen' deixan de fabricarse e serán cada vez máis difíciles de ver, aínda que os que hai pódense usar

Billetes de 500. EP
photo_camera Billetes de 500. EP

As máquinas de fabricar euros xa non producen billetes de 500. Os 'morados', eses que a moitos cidadáns do montón sóbranlle os dedos das mans para contar as veces que os viron ou tiveron no seu peto, deixaron de imprimirse este domingo. 

Era a data que o Banco Central Europeo (BCE) marcara fai máis de dous anos para iniciar a morte lenta dos billetes de maior valor de cantos circulan polo sistema monetario común. O principal obxectivo: reducir aos poucos o peso dunha figura utilizada en operacións de branqueo de capitais e en actividades ilegais como o narcotráfico ou o terrorismo.

A favor da súa progresiva retirada tamén xogan o feito de que moi pouca xente os leva na súa carteira, que perderon utilidade co auxe dos medios de pago electrónicos e que aos empresarios pouco lles gusta usalos nas súas transaccións económicas.

Iso si, se alguén ten un dos 'grandes' na hucha, baixo o colchón ou nunha caixa forte, pode estar tranquilo, porque seguirán sendo de curso legal. Poderán usarse para comprar sen ningún problema ou para aforrar, porque o seu valor manterase indefinidamente. As entidades financeiras e as casas de cambio de moeda entregaranos e os billetes existentes só serán borrados do mapa cando caian en mans dos bancos centrais da eurozona.

Por iso, se cruzarse cun xa era anecdótico, a partir de agora serao máis, facendo honra ao sobrenome de 'binladen' co que foron popularmente coñecidos por iso de que todos saben que existen pero poucos os viron.

En todo caso, 'habelos haylos', aínda que cada vez sexan menos. Os últimos datos do Banco de España cifran en 31 millóns o número de billetes de 500 postos en circulación en decembro no país, sete millóns menos que un ano antes. Entre todos sumaban 15.500 millóns de euros. A nivel mundial, circulan uns 520 millóns dos morados, apenas o 2,4% de todos os que hai en movemento, e o seu valor equivale á quinta parte do que suma todo o efectivo. 

Esta extinción premeditada arrinca dúas décadas despois do nacemento de euro. Antes, na era da peseta, o billete máis 'grande' era o de 10.000 ‘louras', apenas uns 60 euros. Poucos sentirán agora o fin do de 500.

PICADA. O maior grao de protagonismo que alcanzaron os billetes de 500 euros en España ten data e lugar. Foi en pleno boom do sector inmobiliario, cando a actividade de compravenda de vivenda era frenética e resultaba bastante común que unha parte das escrituras se pagasen en negro.

Con ese pano de fondo, o país concentraba no verán de 2007 cerca do 27% dos 'morados' en circulación. Con todo, coa picada da burbulla e o inicio da crise comezou a reducirse tamén o uso destes billetes.

A decisión do BCE de facelos desaparecer de forma progresiva non foi ben recibida en toda a zona euro. Alemaña e Austria opuxéronse á medida e a institución monetaria permitiu aos seus bancos centrais manter a impresión ata o próximo 26 de abril, alegando que o usan máis. 
 

Comentarios