Se buscas o soldo máis alto se odontólogo ou enxeñeiro

As clínicas dentais ofrecen 70.700 euros anuais para contratar ortodoncistas, máis do triplo da remuneración media en Galicia

Clínica dental. EP
photo_camera Clínica dental. EP

Quen estean a tempo de elixir a súa profesión saiban que os ortodoncistas e implantólogos, os xefes en proxectos de enxeñería e os directores de informática teñen os postos mellor pagados de España. Estas ocupacións volven subirse ao podio dos traballos con maiores remuneracións no informe anual que elaboran Infojobs e Esade e que toma como base os soldos que se ofrecen nas ofertas de emprego neste portal de procura online.

Os odontólogos especializados en colocar brackets para corrixir a dentadura ou pór implantes poden sacarse de media 70.718 euros brutos ao ano, isto é, uns 5.900 ao mes. é o que están dispostos a pagarlles nas clínicas que demandas este tipo de perfís, un "máximo histórico" que nun ano aumentou en 5.911 euros ao cabo de doce meses. Iso si, para ter esa nómina hai que sumar aos anos de carreira a especialidade.

Tamén hai un camiño de preparación para poder optar ao segundo posto mellor retribuído, o de director de obras de enxeñería con 63.680 euros brutos ao ano. En plena era dixital, o director de informática ocupa o terceiro posto no ranking, pois a remuneración media para este cargo nas ofertas de Infojobs está en 50.113 euros, máis de 4.000 por mes. Os salarios aos que poden aspirar estes profesionais están moi por encima da remuneración media que ofrecen as compañías a través da web da empresa, que se situaba en 23.331 euros en 2017. Con estas cifras e á vista da evolución do mercado laboral nos últimos anos, todo indica que seguirán entre as ocupacións mellor pagas en 2019.

Cabe destacar que case o 30% dos asalariados en Galcia non chega a ser mileurista

Máis aló destes postos, hai un que entrou directamente á posición número cinco do ‘top ten' dos empregos mellor retribuídos. É o de comercial inmobiliario, con 48.413 euros anuais. "Un signo claro de que este sector se está recuperando e excede xa os niveis precrisis", sinalan os impulsores do estudo, que destacan que o seu volume de vacantes publicadas a través de Infojobs creceu un 50% no último ano.

NIN MILEURISTAS. Estas elevadas nóminas multiplican por dúas e incluso por máis de tres o soldo medio en Galicia, que pechou o ano pasado nos 1.869,8 euros brutos ao mes tras subir un 4,6% respecto de 2016. Con todo, no último lustro esa contía revalorizouse apenas 140 euros pese ao contexto de recuperación económica e ao encarecemento do custo da vida. Así o revelan datos do Instituto Nacional de Estadística a partir da Enquisa de Poboación Activa, que reducen a brecha coa remuneración media en España de 91 a 19 euros mensuais.

En todo caso, cabe destacar que case o 30% dos asalariados na comunidade non chega a ser mileurista, unha situación na que se atopaban a finais do ano pasado uns 243.900 traballadores. Practicamente seis de cada dez tiñan un contrato a tempo parcial.

O Ine clasifica os 822.200 asalariados activos en Galicia en 2017 en dez deciles segundo a contía do seu soldo bruto mensual, calculado en doce pagas e coas extra rateadas. Se se teñen en conta as retencións que practica Facenda e as cotizacións, dedúcese que os empregados incluídos nos tres primeiros grupos (isto é, desde os que cobran menos de 717,2 euros ata os que, como moito, gañan 1.230,9 brutos ao mes) non alcanzan unha retribución neta de catro díxitos.

Os MÁS PRIVILEXIADOS. Con moita máis folgura poderán chegar a fin de mes os traballadores cuxa nómina supera os 3.367,6 euros, un colectivo que en Galicia rolda os 79.800. Aínda que apenas superen o 10% do total, o peso dos asalariados coas mellores remuneracións aumentou considerablemente con respecto a 2016.

Comentarios