"O sector lácteo non é consciente do que virá. Ou máis terra, ou menos vacas"

César Resch, doutor enxeñeiro agrónomo e investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, cre que non hai que facer un drama pola caída do número de granxas activas
César Resch Zafra
photo_camera César Resch Zafra

Formación e asesoramento ás granxas. Son dous dos puntos fortes que César Resch atopou nos modelos de produción de Nova Zelanda, Francia e Irlanda e nos que cre que Galicia pode mellorar.

Como ve o sector lácteo galego e que pensa que está por vir?
Temos un sector moi potente, cun valor para min determinante que son os profesionais que forman parte del e o seu saber facer. Hai moitas gandarías que xa van pola terceira xeración de produtores de leite. Temos terreo, clima e sabedoría para ter un sector con futuro. Hai que aproveitar as oportunidades, que pasan por producir leite con terra. Esa é a base, canta máis terra teñamos, mellor. Pero tamén hai retos. Penso que o sector aínda non é consciente do que vai vir no plano medioambiental, do que está acontecendo no resto do continente desde o punto de vista da xestión de xurros e, algo que queda máis lonxe pero está aí, o tema da pegada de CO2.

Que é o que lles espera ás granxas?
A Unión Europea ponnos un marco que temos que cumprir. Para 2030 hai un obxectivo de redución moi importante das emisións de CO2 na agricultura, que pasa por recortar nun 55% as que tiñamos no ano 90. Tamén temos que diminuír o uso de fertilizantes esóxenos, de adubos sintéticos. E, ademais, hai un obxectivo de que o 20% da superficie agraria útil estea baixo cultivos orgánicos. Pero seguimos moi embarcados nunha vella política de non valorizar o que temos na granxa e ter una dependencia excesiva de produtos que veñen de fóra da granxa, basicamente de adubos sintéticos e concentrados. Creo que a clave está en ser menos dependentes. ¿Como? Indo a outro tipo de gandaría. Ou incrementamos superficie, cambiamos cultivos ou facemos outro tipo de cousas, pero este modelo de cada vez máis non pode ser. As granxas cun número alto de unidades de gando maior (UGM) por hectárea teñen que miralo, porque van ter problemas medioambientais, dificultades para cumprir a normativa. Entón, os máis terra, ou menos vacas. 

Segue a vella política de non valorizar o que temos na granxa e ter una dependencia excesiva de produtos que veñen de fóra

Haberá penalizacións no futuro?
Máis cedo que tarde imos ter unha normativa. Estou traballando en varios grupos europeos e vexo que todas as pautas se dirixen a crear un sistema de créditos de carbono. En Francia está en marcha un plan nacional no que participan 9.000 granxas ás que se lle dá un diñeiro se reducen as emisións de CO2. Se non o fan, teñen un aviso, polo de agora sen sanción. Antes de 2030 imporase un sistema sobre a pegada de carbono. Veremos como funcionará, se será semellante ao das cotas, e se haberá ou non penalizacións. Eu penso que si. 

Cómo se pode ser más eficiente?
É máis eficiente aquel que é capaz de cubrir unha porcentaxe alta das súas necesidades de proteína con cultivos propios que o que a importa a través do concentrado ou comprando alfalfa. Á hora de medir a pegada de CO2 tamén inflúe o uso que se faga do xurro. Hay estudos que indican que, co manexo medio da superficie agraria das explotacións de leite galegas, aquelas que estean en torno ás dúas unidades de gando maior por hectárea son autosuficientes en nitróxeno e fósforo co xurro da explotación. Non precisan un gramo de nitramón. Pero hai que ter un bo dimensionamento das fosas, un bo tratamento do xurro e usalo cando realmente se necesita. Todas estas prácticas levan a ter unha eficiencia moito máis alta. Facemos un círculo perfecto na granxa. Tamén é importante facer unha alimentación de precisión, non ter 70 vacas e que todas coman o mesmo dean 20 litros ou 70. 


Haberá que reducir o uso de fertilizantes sintéticos, empregar ben  o xurro e practicar unha alimentación de precisión
 

Ata que punto debe preocupar a redución do número de granxas con entregas de leite en Galicia?
É certo que cada vez hai menos granxas, pero iso non quere dicir que o número de gandeiros e gandeiras caia na mesma proporción. Moitas uníronse. Nunha explotación de máis de 100 vacas hai dúas ou incluso tres familias á fronte e traballando. O drama non é tal. Ademais, hai que ter en conta que no ano 2000 Galicia producía 2 millóns de toneladas de leite e en 2022 foron preto de 3 millóns. E segue habendo espazo para medrar, pero non en base ás pautas xeneralizadas que houbo ata o de agora. O de medrar na mesma granxa facéndoa máis grande e incrementando minimamente a base territorial, ou sen aumentala, tense que acabar. O que temos que facer é recolonizar zonas abandonadas, coller outra granxa nunha zona próxima, e así medrar en base a recursos desa segunda explotación. Aí está o futuro. Na comarca do Xallas xa está a ocorrer.

Podería a industria láctea chegar a ter dificultades para proverse de leite producido en Galicia?
Se a industria ten un problema dese tipo é porque non paga ben. Aquí sobra leite se imos a iso. Galicia debe estar transformado agora cerca do 70% do leite, o resto sae da comunidade sen ser transformado. Ademais, en España temos un anacronismo que non ocorre en ninguna outra parte de Europea, e é que a produción está nun sitio e a transformación noutro. Non ten sentido, e supoño que pouco a pouco isto irá mudando.  

A industria non debera ter problema para proverse de leite galego. O 30% sae da comunidade sen transformar

Lograrase ter un indicador válido sobre os custos de produción das explotacións para garantir que os prezos ao gandeiro se cobren?
Habería que retomar en serio o que se parou no 2011, que consistía en ter unha serie de axentes recollendo datos para que a Administración os revisase e validase. A cuestión é ter datos de calidade e garantir a súa fiabilidade.

Vostede estivo en países como Nova Zelanda, Francia ou Irlanda sumando bagaxe profesional. Se tivera que elixir algunha das prácticas que coñeceu para exportar ao noso sector lácteo, cal sería?
O que máis me impactou foi a profesionalidade. Aquí hai gandeiros profesionais, pero deberían ter aínda máis formación. En Francia estiven traballando un ano nunha granxa e o patrón sabía máis ca min de moitas cousas. E en Nova Zelanda tiñan unha calculadora na cabeza, ninguén facía nada que non se xustificara co prezo. Outro aspecto importante é que neses países hai servizos de asesoramento alleos ao que é a comercialización de produtos. Aquí non existe.