Condenado a 8 anos de prisión o expresidente de Pescanova por manipular as contas

A Audiencia Nacional impón penas que van desde os seis meses a tres anos e medio de prisión a outros 11 membros da excúpula da compañía
O expresidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa, no xuízo. EFE
photo_camera O expresidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa, no xuízo. EFE

A Audiencia Nacional condenou o expresidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, a oito anos de prisión e considerou culpable tamén o auditor BDO, que xunto a outros exdirectivos e sociedades deberán asumir o pago de indemnizacións por un valor superior aos 160 millóns de euros.

Así se desprende da sentenza, publicada este martes —con máis de 600 páxinas de extensión— e que atribúe a Sousa e ao resto da súa cúpula a comisión de prácticas "irregulares" para obter financiamento bancario a través da manipulación das contas da entidade

Os maxistrados da Audiencia absolven a 7 dos 19 acusados e condenan os outros doce a penas sensiblemente inferiores ás solicitadas polas acusacións ao entender que varios dos delitos non poden ser penados de xeito independente ao ser necesarios para cometer outros que si foron castigados. Máis aló de Fernández de Sousa, impoñen penas que van dos seis meses aos tres anos e medio de prisión aos outros once acusados da excúpula da compañía

Concretamente, Sousa foi condenado a seis anos de cárcere polos delitos de falsidade en documento mercantil, estafa agravada, falseamento de contas anuais e falseamento de información económica e financeira, aos que suma outros dous anos por alzamento de bens.

Ademais, impóñense tres anos e medio de cárcere a Antonio Taboas, Alfredo López Uroz, Joaquín Viña, Ángel González e Carlos Turci; dous anos para José Manuel Gil e Alfonso García; un ano para Alfonso Paz-Andrade; e seis meses para Manuel López. Así mesmo, a muller de Sousa, María Rosario Andrade, recibe unha pena dun ano de prisión, mentres que os dous fillos imputados foron absoltos.

Ao lado do auditor, o responsable de BDO para Pescanova, Santiago Sañé, foi condenado a tres anos e medio de cárcere polos delitos de falseamento de contas anuais e de información económica e financeira.

O fallo fixa unha indemnización aos accionistas da empresa de 51 millóns para Luxempart; de 40 millóns para Damm; de 23 millóns para Silicon Metal; de 6,6 millóns para Disa (controlada por membros da familia Carceller, os mesmos donos da cervexeira Damm); de 5,5 millóns para Golden Limit; e de 58.000 euros para Citurrioz Investimentos. Destes pagos serán responsables os condenados e as sociedades Pescanova e BDO Auditores, de acordo cos maxistrados, que recordan que no caso deste último farase cargo tamén Mapfre "ata o límite das cantidades aseguradas".

Ademais, estipula un pago de case 20 millóns de euros para Bankia, uns 19 millóns para UBI Banca e unha "cantidade a determinar en execución de sentenza" para o portugués Banco Espírito Santo (BES).

Os xuíces consideran probado que o expresidente de Pescanova e un núcleo de persoas da súa confianza idearon a partir da crise de 2008 unha serie de mecanismos irregulares para seguir conseguindo financiamento bancario, tras o que manipularon as contas e outros documentos oficiais para que os resultados non reflectisen a delicada situación da compañía. Desta forma, a compañía —que cotizaba en bolsa— dicía obter beneficios e captaba así novos investidores.

Entre as prácticas irregulares detectadas, a sentenza cita a posta en marcha de operacións de comercio internacional a través de filiais e a creación de sociedades instrumentais ficticias mediante as que simulaban operacións de compravenda, un feito este último "do que tiña coñecemento o auditor interno" e que serviu para ocultar o pasivo bancario.

Ademais, no fallo considérase acreditado que Sousa e a súa esposa sacaron 4,5 millóns de euros de contas españolas e ingresaron o diñeiro en dúas entidades portuguesas pouco despois de que estalase o escándalo (en marzo de 2013) para transferir ese diñeiro a Hong-Kong e evitar así perder os fondos se se tiña que responder co seu patrimonio ao pago dun préstamo subscrito polo expresidente de Pescanova.

A sentenza pecha —á espera de se se presentan recursos— un longo proceso que se remonta a 2013, cando Pescanova solicitou o concurso de acredores, o que permitiu posteriormente a súa división en dúas: Nueva Pescanova (herdeira da marca e a actividade do grupo) e Pescanova S.A. (unha sociedade de carteira sen actividade produtiva). O xuízo arrincou en decembro de 2019 e alargouse ata finais de xullo pola covid-19.