A débeda pública galega sobe 294 millóns nun ano, pero baixa ao 18,3% do PIB

O pasivo do conxunto das administracións públicas marcou unha nova marca ao situarse en 1.175.704 millóns ao peche do terceiro trimestre

Sede del Banco de España. AEP
photo_camera Sede do Banco de España. AEP

A débeda pública de Galicia sitúase en 11.431 millóns no terceiro trimestre do ano, o que supón 294 millóns máis que no mesmo período de 2017, segundo os datos que publica este venres o Banco de España. Con todo, esta cifra supón unha baixada de 118 millóns respecto dos 11.549 cos que contaba Galicia no segundo trimestre deste ano. A marca histórica da débeda pública galega alcanzouse nos primeiros tres meses de 2018, con 11.750 millóns. 

Pola súa banda, a Xunta destaca a baixada do cociente de débeda en comparación co PIB de Galicia, que se sitúa no 18,3%, dúas décimas por baixo do mesmo período de 2017, así como tres décimas menos que no segundo trimestre deste ano. Deste xeito, Galicia xa é a cuarta comunidade con menos taxa no cociente de débeda/PIB —só con mellores cifras en Madrid, País Vasco e Canarias—, seis puntos por baixo do 24,4% da media as autonomías. 

Facenda subliña que Galicia está "en clara disposición" de volver cumprir un ano máis o límite de débeda 

Por iso, a Consellería de Facenda subliña que Galicia está "en clara disposición" de volver cumprir un ano máis o límite de débeda fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira.

DATOS ESTATAIS. A débeda do conxunto das administracións públicas marcou un novo récord ao situarse en 1.175.704 millóns de euros ao peche do terceiro trimestre, unha cifra que supera en 11.736 millóns o máximo anotado en xuño. De acordo aos datos publicados polo Banco de España, a débeda de setembro equivale ao 98,3% do PIB, dúas décimas por encima do que rexistraba ao peche de xuño pero lonxe dos máximos de 2014, cando superaba o 100% do PIB.

En calquera caso, esta cifra supera o obxectivo do Goberno para o conxunto do ano, que é pechar cun endebedamento do 97% do PIB segundo o borrador de plan orzamentario enviado a Bruxelas en outubro e do 97,6% do PIB de acordo aos obxectivos de estabilidade aprobados nas Cortes.

Comentarios