Decathlon, con 11 tendas en Galicia, presenta un Erte para o 92% do seu persoal en España

A medida afectará a máis de 8.800 empregados
Tienda de Decathlon. GOOGLEMAPS
photo_camera Tenda de Decathlon. GOOGLEMAPS

Decathlon notificou aos sindicatos o inicio dun expediente de regulación temporal de emprego (Erte) por forza maior para ata 8.886 traballadores tras o peche de todas as súas tendas logo de decretarse o estado de alarma en España para loitar contra a propagación do coronavirus.

En Galicia, Decathlon ten once tendas: en Lugo, Ribadeo, dúas na Coruña, dúas en Santiago, dúas en Vigo, Oleiros, Ferrol e Ourense.

En concreto, este proceso afecta ao 92% do persoal da compañía en España, segundo informaron fontes sindicais a Europa Press. A compañía, que conta con máis de 160 tendas en España, informou de que o Erte se aplicará practicamente á totalidade do persoal, quedando exceptuado un mínimo tanto para o mantemento imprescindible da actividade como da venda online.

O expediente non afecta a unha mínima parte do persoal, polo mantemento imprescindible da actividade e a venda online

Os delegados de UXT pediron á empresa desde un primeiro momento que se complementase a prestación ata o 100%, de modo que os traballadores non vexan minguado o seu soldo. Os sindicatos sinalaron que finalmente se tomou a decisión de complementar a prestación de desemprego ata o 100% do salario pactado.

Pola súa banda, CC OO lamentou que unha multinacional como Decathlon se acollese ao Erte. "Empresas como a nosa e outras moitas con beneficios incomparables ao dun autónomo ou pequeno comercio están a optar por esta mesma medida, e deben dar un paso á fronte, negándose a facer Ertes aos persoais mentres que o patrimonio empresarial poida asumir o gasto", subliña.

Ademais, insta á "reincorporación inmediata" en canto finalice a causa, nas mesmas condicións laborais e salariais dos traballadores afectados e pide un compromiso de emprego tamén para os eventuais.

Comentarios