O decreto da vivenda non regulará os prezos dos alugueres

A norma fixará o día e a hora para os desafiuzamentos

O borrador do novo real decreto lei de vivenda no que traballa o Goberno, e para o que xa ten practicamente pechado un acordo con Podemos, non inclúe ningunha medida referente á regulación do prezo dos alugueres, aínda que si establece unha mención a uns índices de prezos de referencia.

Neste sentido, segundo explicaron a Efe fontes da negociación, o novo decreto non permite que as comunidades limiten prezos xa que iso requiriría modificar a Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), simplemente establece uns índices de prezos puramente informativos.

Doutra banda, algunhas novidades que recolle o texto no que traballa o Executivo, e para o que está a buscar o apoio de PNV e PDeCAT, céntranse nos desafiuzamentos. De feito, proponse modificar a Lei de Enjuiciamiento Civil para especificar nestes casos a data e a hora exacta do desafiuzamento. Tamén se propón ampliar un mes máis, ata os tres meses, o adiamento de desafiuzamento no caso das persoas xurídicas, aínda que se mantén nun mes para as persoas físicas. Ademais, os xulgados deberán pór en coñecemento dos servizos sociais os procedementos de desafiuzamento para comprobar as situacións de vulnerabilidade.

Aínda que non se recollen medidas para regular os prezos dos alugueres, o novo texto no que se traballa si fai unha mención aos índices de prezos de referencia, tanto estatais como autonómicos. Con todo, establecer un límite aos alugueres fora unha das demandas de Podemos para apoiar o anterior real decreto lei de medidas urxentes para a vivenda, que o Consello de Ministros aprobou o pasado 14 de decembro e que foi tombado posteriormente no Congreso co voto en contra da formación morada, do PP, Cidadáns e ERC.

De feito, Podemos xa avanzara o seu rexeitamento ao entender que non incluía as medidas pactadas co Executivo para apoiar os Orzamentos de 2019, e sinalou que ao Goberno treméranlle as pernas" á hora de incluír a que consideraban a medida máis importante para "picar a burbulla do aluguer" e que daría capacidade a concellos e comunidades para regular as zonas tensionadas.

Outra das novidades do texto no que se traballa é a relativa á variación dos prezos dos alugueres, que se fará conforme ao IPC de forma obrigatoria para todos os contratos. O anterior texto establecía neste sentido un pacto entre as partes, excepto nos contratos de arrendamento de renda reducida.

Sobre os gastos de formalización e a xestión do contrato, o novo decreto contempla que estean a cargo das persoas xurídicas.

Ademais, con respecto á validez dos mesmos, no caso dos contratos de 5 e 7 anos deberán ser respectados tamén no caso de non estar inscritos no Rexistro da Propiedade.

Tamén hai novidades en canto ao prazo de preaviso en caso de non renovar o contrato. Neste sentido, pasa dun mes a catro para os inquilinos e dun mes a dous para os propietarios. Así mesmo, en caso dos supostos para recuperar un piso por necesidade do arrendador antes do prazo mínimo, ademais das propias causas de necesidade, que deberán constar no contrato, tamén se terá que especificar cal delas é a que prima no momento da comunicación.

Onde non hai novidades polo momento é o a duración dos contratos, que se mantén en 5 anos para as persoas físicas e 7 para as xurídicas. 

Comentarios