Deltacargo deixará de operar a finais de mes a terminal de carga de Lavacolla, o aeroporto galego que concentra o 74% do movemento de mercancías. Segundo confirmaron este luns a AGN fontes da compañía, que tomou a substitución de Groundforce en 2011, a decisión débese "á falta de rendibilidade" do servizo e foi comunicada a Aena, que agora deberá buscar un novo operador que se encargue dos envíos e recepcións.
Este movemento do grupo loxístico obrigará a unhas 50 empresas, entre as que figuran Inditex e firmas dedicadas á comercialización de peixe e marisco que utilizaban o avión para fornecer ás illas, a reorientar os seus tráficos cara a outras terminais aéreas ou a optar por outros medios de transporte.
Con 2.000 metros cadrados, as instalacións dispoñen dunha zona para mercancías perigosas, unha máquina de raios x, dúas cámaras frigoríficas de conservación, unha para conxelación e unha zona delimitada para o tratamento de animais vivos. O labor central de Deltacargo, que segundo os sindicatos realizou recortes de persoal nos últimos tempos e que agora dispón de dous traballadores en Lavacolla, era xestionar o movemento de colectores nas adegas dos voos comerciais, un servizo que, segundo a empresa, deixou de ser suficientemente "rendible". É o mesmo motivo polo cal Groundforce deixou de operar en xullo de 2011, polo que moitas empresas decantáronse polas terminais de Vigo e O Porto ao quedar interrompido o servizo durante varios meses.
Coa saída de Deltacargo, en Lavacolla só operará a firma de paquetería DHL, que move cargas coa súa propia flota de avións.
Ademais dos produtos do mar, fontes sindicais indicaron que o peche das instalacións lastrará o transporte de flores frescas, animais, correo e incluso á repatriación de cadáveres.
771 toneladas
É a carga movida en 2017 en Peinador, que experimentou un repunte do 62%, mentres Alvedro esborrallouse un 15%, con apenas 157 toneladas.