Detidos máis de cen furtivos en Galicia no que vai de ano

A Xunta afirma que o sector do mar galego está "case en pleno emprego" e "comeza a haber estranxeiros interesados" en traballar aquí

Furtivos, mariscadores, marisqueo. ADP
photo_camera En Marea denuncia que son os propios mariscadores os que teñen que facer fronte aos furtivos. ADP

Máis dun centenar de furtivos foron detidos en Galicia no que vai de ano, mentres o servizo de Gardacostas realizou case 8.000 inspeccións no primeiro semestre, cunhas 14.000 incautacións. 

Diso informou este xoves na comisión de Pesca do Parlamento galego a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, en resposta a unha pregunta de En Marea. 

Así, Concheiro defendeu que a Xunta está a facer todo o que está "nas súas mans" para loitar contra un problema de gran "complexidade", para o que se están "multiplicando o número de inspeccións". 

Nesta liña, subliña que se desmontaron redes de comercialización, non só de Galicia, senón tamén "de produtos que veñen doutros países como Portugal ou Irlanda sen cumprir con requisitos de documentación". Ao que se une o labor de control en lonxas e depuradoras. 

Con todo, recoñece que queda un "camiño moi longo para lograr a erradicación", polo que chama á colaboración "de todos" e á concienciación da cidadanía, pois hai un problema de tolerancia "social". 

En cambio, Paula Quinteiro (En Marea) censurou a lectura "carente de autocrítica" que fai a Xunta, mentres demanda maior dotación de persoal, "porque son as propias mariscadoras as que teñen que facer fronte aos" furtivos.

EMPREGO. Noutra orde de cousas, nesta comisión a deputada socialista Loli Toja denunciou a "caída libre" no emprego no mar en Galicia desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta. 

Apunta que no segundo trimestre deste ano había 14.200 persoas ocupadas, segundo a última Epa, polo que supón o nivel máis baixo desde que hai rexistros. De feito, alerta de que se perderon case 10.000 empregos fronte aos 23.800 que había en 2009, unha baixada dunhas "1.000 persoas ocupadas cada ano". Por iso, bota en cara ao Goberno galego o "abandono" ante uns "datos realmente preocupantes".

En resposta, a secretaria xeral ténica da Consellería do Mar indicou que hai un descenso de flotas pesqueiras nunha "tendencia a nivel mundial" como consecuencia dos plans de xestión para sustentabilidade das especies. 

Con todo, defende que hai unha afiliación "estable" no últimos ano en Galicia, mentres que actualmente só figuran 600 persoas desempregadas neste sector, o que supón o 3,5% da poboación activa no mar, polo que "se estaría case nunha situación de pleno emprego", xa que se considera que "se alcanza cando o cociente está por baixo do 3%". 

Tras pór en valor diversas medidas da Xunta para dinamizar o emprego, explicou que os armadores solicitaron "maiores facilidades" para contratar a estranxeiros, e ten "constancia de que comeza a haber estranxeiros interesados" en traballar na flota galega. 

Sobre este punto, indica que os traballadores do mar estranxeiros en Galicia representan un 20 por cento menos que en 2008, e dado que as afiliacións foron "estables" eses postos de traballo "están a ser ocupados por nacionais". 

Comentarios