As empresas en Erte poden tramitar a súa prórroga desde este martes

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) o modelo de solicitude

As empresas en Erte en Galicia por causas económicas, técnicas e organizativas tras o impacto da pandemia poden tramitar a súa prórroga desde este martes, 6 de outubro. 

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) o modelo de solicitude para que se comunique a ampliación dos expedientes que estean vixentes na data de entrada en vigor do decreto do 29 de setembro de medidas sociais en defensa do emprego. 

A comunicación da prórroga deberá facerse exclusivamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. 

Por outra banda, a Consellería de Economía informou de que nos dous últimos meses máis de 150 autónomos e pemes soliciten o asesoramento gratuíto que ofrece o Igape sobre a crise da Covid-19. 

As principais consultas céntranse en medir o impacto do coronavirus e en reorientar os negocios. Durante outubro realizaranse catro novos encontros virtuais para apoiar e formar ao tecido empresarial nos ámbitos de negocio, financeiro, de operacións e persoas.

Comentarios