As empresas en quebra en Galicia caen un 15% durante o ano 2017

As familias mantéñense sen variación e sitúanse en 43 ► Os debedores concursados baixan un 13% no global na comunidade galega

 

Por tramo de asalariados, 52 das empresas concursadas tiñan entre tres e cinco. PIXABAY
photo_camera Por tramo de asalariados, 52 das empresas concursadas tiñan entre tres e cinco. PIXABAY

As empresas que se declararon en concurso de acredores (suspensión de pagos e quebras) ante a imposibilidade de afrontar os seus pagos e débedas en Galicia baixaron un 15% en 2017, ata 225, pero as familias nesta situación mantivéronse sen variación, cun total de 43. 

Deste xeito, en global, o descenso dos debedores concursados na comunidade galega foi do 13% e situou o total en 263, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (Ine). 

Por tipo de concurso, foron 244 concursos voluntarios e 24 necesarios, mentres que 229 resolvéronse polo procedemento abreviado e 39 polo ordinario. En todos os casos salvo un existía proposta anticipada, e esa era de quita e espera. 

Por natureza xurídica das compañías, 191 das empresas eran sociedades de responsabilidade limitada, 16 eran sociedades anónimas e oito, persoas xurídicas, mentres 10 firmas eran doutro tipo. 

Por tramo de asalariados, 52 das empresas concursadas tiñan entre tres e cinco

Destas 225 empresas concursadas, por actividade principal, 39 eran de edificación e promoción inmobiliaria, 38 da industria e 36 de comercio ao por maior.

Por tramo de asalariados, 52 delas tiñan entre tres e cinco, 44 estaban compostas por persoais de entre un e dous e 40 non tiñan ningún asalariado. Mentres, por volume de negocio, 94 das firmas chegaban ata os 0,25 millóns de euros; e a antigidade de 34 delas era de entre nove e 12 anos.

CUARTO TRIMESTRE. No cuarto trimestre, houbo en Galicia 61 quebras (un 23,75% menos que no mesmo período do ano anterior), 56 voluntarios e cinco necesarios; 57 abreviados e catro ordinarios; e 60 sen existencia de proposta anticipada e un con ela –de quita e espera–. 

Do total de debedores concursados neste período, catro eran persoas físicas sen actividade empresarial (fronte a 16 no cuarto trimestre de 2016) e os 57 restantes, empresas (foron 64 un ano atrás): 50 sociedades de responsabilidade limitada, tres sociedades anónimas, dúas persoas físicas e dúas doutro tipo. 

Quince das sociedades concursadas tiñan entre 13 e 16 anos de antigüidade

O grupo máis grande seguiu concentrándose en edificación e promoción inmobiliaria (12), seguido do de firmas crebadas en comercio por xunto (10). Sobre todo houbo concursos en empresas con entre un e dous e tres e cinco asalariados (15 e 14, respectivamente) e naquelas que non superan os 0,25 millóns de euros de volume de negocio (26). Quince das sociedades concursadas tiñan entre 13 e 16 anos de antigüidade.

DATOS ESTATAIS. No conxunto estatal, as familias e empresas que se declararon en concurso de acredores (suspensión de pagos e quebras) ante a imposibilidade de afrontar os seus pagos e débedas sumaron 5.131 durante 2017, o que supón un descenso do 2,3% respecto de 2016. 

Este descenso anual foi consecuencia do retroceso nun 4,7% das empresas en concurso, ata sumar 4.095, xa que as familias que se declararon en quebra incrementáronse un 8,4% no conxunto de 2017, encadeando o seu segundo ascenso anual consecutivo tras o de 2016 (+47,3%). En total, 1.036 familias entraron en concurso o ano pasado. 

Sumando familias e empresas, o número total de debedores concursados alcanzou a cifra de 5.131 en 2017, un 2,3% menos que en 2016. Trátase do cuarto descenso anual consecutivo despois dos retrocesos do 8,6%, do 21,1% e do 26,7% rexistrados en 2016, 2015 e 2014, respectivamente. 

CONSTRUCIÓN E HOSTALARÍA, ONDE MÁIS BAIXAN. Por actividades, as de comercio e resto de servizos concentraron o 37% do total de empresas concursadas en 2017. As actividades económicas que máis recortaron os concursos o ano pasado foron construción (-19,4%); hostalaría (-18,1%), e actividades administrativas (-10,9%). 

Por contra, as actividades onde máis aumentaron os concursos o ano pasado estiveron lideradas pola agricultura, gandaría e pesca (+13,6%); transporte e almacenamento (+10,8%) e industria e enerxía (+2,5%). 

Comentarios