Endesa prevé empregar a 7.500 afectados o peche de As Pontes en parques eólicos

A multinacional prevé no seu plan de emprego desenvolver 1.505 megawatts renovables en Galicia
Central térmica de Endesa en As Pontes. EP
photo_camera Central térmica de Endesa nas Pontes. EP

Endesa prevé que o seu plan de emprego para desenvolver 1.505 megawatts (MW) renovables en Galicia que substitúa aos 1.468 MW de carbón que se pecharán en As Pontes chegue a ocupar na fase de construción dos parques ata 7.500 persoas durante seis anos, unha media de 1.250 empregos anuais, aínda que logo, na súa operación e mantemento, os empregos serán só 125.

A eléctrica, que solicitou o pasado 27 de decembro o peche da central de carbón, expuxo este martes na Mesa de Transición de As Pontes o plan de futuro para a contorna da planta térmica, o Plan Futur-e, que integra as accións relacionadas co peche ordenado da instalación e ao que tivo acceso Efe.

Endesa pretende substituír en Galicia os 1.468 MW da central de As Pontes por 1.505 MW renovables, cun investimento asociado de 1.581 millóns de euros e que se situaría nun radio de 40 quilómetros da central.

Desta potencia, 250 MW están en tramitación administrativa, 190 MW son proxectos solicitados, 370 MW presentaranse nos próximos meses e hai 700 MW identificados en emprazamentos potenciais.

A compañía prevé que no desmantelamento da central, unha vez que o Ministerio para a Transición Ecolóxica autorice o seu peche, crearanse 130 empregos directos de media (con picos de traballo de ata 200 persoas) durante os catro anos que durará esta fase, aos que haberá que sumar o tempo que duren os traballos previos.

Nos traballos de construción dos parques eólicos previstos no Plan de Futuro para a contorna de As Pontes, Endesa calcula que se crearán 7.500 empregos directos (1.250 empregos medios/ano) durante un período de seis anos e o inicio da actividade está pendente da obtención de conexión á rede e autorizacións.

A operación e mantemento do parque ocupará a 125 persoas de forma directa durante vinte e cinco anos.

Endesa respectará o posto de traballo dos seus empregados propios da planta das Pontes; abrirá un proceso de recolocación para os empregados que permita a súa recolocación nas vacantes que vaian xurdindo na compañía, con criterios que minimicen, na medida do posible, mobilidades xeográficas con cambio de domicilio, e teranse en conta tamén para os labores de desmantelamento da central.

No caso dos traballadores de contrátalas que traballaban para a central, Endesa priorizará a contratación de persoas da contorna para os traballos de desmantelamento da central e a instalación da nova potencia renovable.

Para iso, incluirá unha especificación técnica na licitación da obra de desmantelamento e, ademais, poderán ser beneficiarios dos programas de formación que vai pór en marcha Endesa para a recualificación laboral dos traballadores da térmica das Pontes.

De face a desenvolver toda a potencia eólica prevista, Endesa considera que son necesarios cambios no plan sectorial eólico de Galicia para ampliar as zonas actuais de desenvolvemento eólico, así como cambios na lexislación para resolver o acceso á rede, algo que sinala que está pendente do desenvolvemento da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética.

O plan está tamén aberto a incluír todas as iniciativas viables que propoñan os diferentes axentes involucrados e, ademais, a compañía, como xa fixo co peche da central de carbón de Compostilla, en León, convocará un concurso internacional de proxectos para buscar iniciativas empresariais para reindustrializar o emprazamento da central.

Tamén contratou unha consultora independente para a prospección de proxectos industriais para a súa implantación nas Pontes, que xa iniciou os traballos.

Respecto da data de peche da central, Endesa di que se producirá a metade de 2021, se non se atopa unha mestura de combustión viable con biomasa, tanto tecnicamente como en prezo.
Actualmente, están a esperarse os combustibles para realizar as probas que determinen esa viabilidade e está previsto que se fagan a partir de maio ou xuño do presente este ano. 

Comentarios