Os estadounidenses Nordhaus e Romer gañan o Nobel de Economía polos seus traballos sobre o clima

A Academia sueca recoñece os seus estudos sobre o crecemento sostible a longo prazo na economía global e o benestar da poboación

Premio Nobel de Economía. NOBEL MEDIA
photo_camera Premio Nobel de Economía. NOBEL MEDIA

Os estadounidenses William D. Nordhaus e Paul M. Romer gañaron este luns o Nobel de Economía por abordar métodos para favorecer o crecemento sostible e sobre a relación entre a economía e o clima. Segundo informou este luns a Real Academia das Ciencias Sueca, ambos "deseñaron métodos que abordan algúns dos asuntos máis fundamentais e urxentes do noso tempo: o crecemento sostible a longo prazo na economía global e o benestar da poboación".

Nordhaus, sinalou a Academia, mostra nas súas investigacións como a actividade económica interactúa coa química e física básicas para causar o cambio climático. Foi "a primeira persoa que creou un modelo cuantitativo que describe a interactuación entre a economía e o clima", engadiu a Academia.

Os traballos de Nordhaus mostran ademais que o xeito máis eficaz de combater as consecuencias dos problemas causados polo cambio climático "é un plan global de impostos sobre o carbono en todos os países". En canto a Romer, as súas investigacións mostran que "a acumulación de ideas apoian o crecemento económico a longo prazo. Demostrou como as forzas económicas están detrás da vontade das empresas para xerar novas ideas e innovacións"

A Academia destacou que Romer puxo as bases do que se coñece como "a teoría do crecemento endóxeno", que "xerou gran cantidade de nova investigación en regulamentacións e políticas que fomentan ideas novas e a prosperidade a longo prazo". O Nobel de Economía, cuxo nomee real é Premio de Ciencias Económicas en memoria de Alfred Nobel, é o único dos seis galardóns non creado no seu día polo magnate sueco, senón que foi instituido en 1968 a partir dunha doazón á Fundación Nobel do Banco Nacional de Suecia con motivo do seu 300 aniversario.

O premio foi outorgado 49 veces pola Real Academia das Ciencias Sueca a 79 persoas, pero só unha muller gañouno, a estadounidense Elinor Ostrom, que o compartiu en 2009 con Oliver Williamson polas súas análises sobre política económica das propiedades comúns. 

Os dous gañadores repartiranse os 9 millóns de coroas suecas (970.000 euros) con que están dotados este ano cada un dos Nobel, que se entregan o 10 de decembro nunha dobre cerimonia en Oslo, para o da Paz, e Estocolmo, para o resto. O galardón de Medicina abriu o luns pasado a rolda de anuncios da presente edición destes prestixiosos premios, seguido polos de Física, Química e o da Paz, o pasado venres. 

Comentarios