Euskaltel, que integra R, gana 22,9 millóns no primeiro semestre, un 20,5% menos

Os ingresos da compañía tamén baixaron, un 1,6 por cento, ata 334,5 millóns de euros, segundo informou á Comisión Nacional do Mercado de Valores
Logos de Euskaltel y R. EP
photo_camera Logos de Euskaltel e R. EP

A operadora Euskaltel gañou no primeiro semestre do ano 22,9 millóns de euros, o que supón un 20,5% menos que os 28,8 millóns logrados no mesmo período de 2018. Segundo comunicou a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), os ingresos da compañía tamén baixaron, un 1,6 por cento, ata 334,5 millóns de euros, mentres que o resultado de explotación alcanzou os 53,7 millóns, un 14,2 por cento menos.

A compañía destaca nunha presentación remitida ao supervisor bolsista a redución da débeda neta da compañía, que a peche do pasado xuño era de 1.526 millóns de euros, seis millóns menos que ao comezo de ano. O grupo de telecomunicacións, que integra as marcas Euskaltel, R (Galicia) e Telecable (Asturias), tamén difundiu este venres os resultados do segundo trimestre de 2019, no que rexistrou o incremento do 4 % do ebitda (84,4 millóns de euros) respecto ao trimestre anterior e do 2% da marxe bruta.

Os ingresos nese período alcanzaron os 171,1 millóns de euros e o cash flow operativo ascendeu a 46,1 millóns de euros, segundo informou a compañía nun comunicado. Con estes resultados distribuíuse un dividendo de 55 millóns de euros -25 millóns como dividendo a conta (o 7 de febreiro) e 30 millóns como dividendo complementario (o 9 de xullo)-, o que supón unha rendibilidade do 4,2% ponderado sobre o prezo medio da acción en 2018 e un 11,5% máis que o abonado hai un ano.

A base de clientes de mercado masivo creceu en 4.000 novos usuarios, ata alcanzar os 772.000 clientes no segundo trimestre, principalmente debido ao plan de expansión do grupo en Navarra, A Rioxa, León, Cantabria e Cataluña. Respecto dos clientes de alto valor rexistráronse 43.000 novos contratos.

Outros datos indican que nos últimos tres meses a telefonía móbil suma 24.000 novas liñas, ata superar as 1,15 millóns de liñas de móbil postpago; a televisión de pago rexistra 10.000 novos servizos (465.000 en total) e os servizos de banda ancha crecen en 7.000 (587.000 usuarios en total).

Para a empresa, os resultados do segundo trimestre correspóndense coa "folla de ruta" marcada polo novo conselleiro delegado do Grupo, José Miguel García, dirixida a crear "un proxecto de crecemento rendible, que xere valor para os accionistas".

Comentarios