As exportacións galegas baten récord e superan os 21.670 millóns en 2017

Experimentaron un crecemento interanual do 8,17%

As exportacións medraron un 5,5% no último trimestre de 2017. GONZALO GARCÍA
photo_camera As exportacións medraron máis dun 8% en 2017. GONZALO GARCÍA

As exportacións galegas bateron en 2017 o seu "récord histórico" cunha cifra de valor de 21.676 millóns de euros, e experimentaron un crecemento interanual do 8,17 %, segundo se extrae do Informe de Comercio Exterior elaborado pola Dirección Territorial de Comercio e ICEX na comunidade autónoma.

O seu director, Sergio Prieto, e o presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, Juan Güell, presentaron este luns en Vigo, nun almorzo informativo, os datos de comercio exterior relativos ao pasado exercicio. Destacaron o " halagüeño" das cifras e apuntaron que, por provincias, o incremento indicado está inducido, fundamentalmente, pola Coruña.

"A altísima taxa de crecemento, superior ao 17%, rexistrada polas exportacións na Coruña en 2017 situárona, por primeira vez, cun peso superior ao 50 % no conxunto da exportación da comunidade autónoma, superando á provincia de Pontevedra, tradicionalmente a de maior peso exportador", matizou Prieto. Ligou este crecemento, en parte, ao "efecto arrastre" da compañía Inditex, que provoca que "se aumenten as exportacións dos seus provedores".

O saldo comercial de Galicia co estranxeiro rexistrou un superávit de máis de 4.500 millóns de euros, sempre no ano 2017, "sendo a segunda comunidade autónoma que presenta un maior saldo comercial" neste ámbito.

Sergio Prieto profundou en que os sectores con maior peso na exportación de Galicia foron as manufacturas de consumo (30,92%), os automóbiles (16,39%), os bens de equipo (14,56%), os alimentos (13,33%), as semimanufacturas (12,30%) e os produtos enerxéticos (7,19%). No que respecta á análise xeográfica, o director territorial do ICEX explicou que a exportación destinada á Unión Europea representa o 74,22% do total, cun incremento interanual do 7,62%, tendo como "mercados referenciales" a Francia, Portugal, Italia, Reino Unido e Alemaña. Fóra da UE, os principais mercados foron Marrocos (3,60%), Estados Unidos (2,67%), Turquía (2,56%), México (1,90%) e Arxentina (0,92%).

Prieto incidiu en que as cifras "son boas e anímannos a seguir traballando e crecendo" e instou a potenciar as "claves da internacionalización", que pasan, entre outras cuestións, pola dixitalización, a formación e un esforzo por diversificar destinos e sectores, ademais do fomento da innovación.

Cuestionado sobre a posible incidencia do Brexit nas exportacións galegas, recoñeceu que é unha das cuestións que "preocupan para os próximos anos", aínda que se mostrou "optimista" e aludiu á procura de "un acordo de libre comercio" con Reino Unido que contemple "condicións vantaxosas".

Comentarios