miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

O expresidente de Pescanova: "Eu son o maior prexudicado, perdino todo"

O expresidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa, no xuízo. EFE
O expresidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa, no xuízo. EFE
Con todo, Manuel Fernández de Sousa admitiu ante o tribunal que era "o único responsable de todo o que se fixese, mal ou ben"

O expresidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa declarou este mércores ante o tribunal que o xulga que el é "o maior prexudicado" pola quebra da compañía porque a consecuencia diso perdeuno todo", á vez que admitiu que cometeu erros e que se se atallasen antes os problemas de liquidez, a situación sería distinta. 

"Eu era o presidente executivo. Eu era, ata o último día, o único responsable de todo o que se fixese, mal ou ben, en Pescanova", manifestou Fernández de Sousa a preguntas do fiscal anticorrupción Juan Pavía, durante a segunda sesión da vista oral na Audiencia Nacional. 

Pero aínda que non parou de insistir en que el era o último responsable de que o que pasaba na compañía, o acusado terminou descargando responsabilidades en BDO, a empresa auditora coa que Pescanova levaba traballando dez anos. "Houbo erros na auditoría de BDO e non os podo cualificar doutro xeito", dixo. 

Tamén sinalou que "a que revisa o traballo de BDO" é a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), non a dirección da empresa, e que "nunca" recibiron ningunha observación deste organismo público que lles advertise da súa situación financeira. 

A Fiscalía pide para o expresidente de Pescanova 28 anos de cárcere e multa superior aos 22 millóns de euros por presuntamente maquillar as contas da compañía para ocultar a millonaria débeda que adquirira e así seguir conseguindo financiamento, ocultando os datos a investidores e organismos reguladores. 

Nos anos 2010 e 2011, o volume da débeda da empresa era entre tres e catro veces superior ao que declaraba, segundo o escrito de acusación de Anticorrupción, unha situación que Pescanova decidiu combater recorrendo ao financiamento bancario, principalmente. 

Foi en 2013 cando a verdadeira situación da empresa saíu á luz. Dous días antes da reunión do consello de administración do 27 de febreiro, Fernández de Sousa convocou a catro conselleiros e instounos a achegar 50 millóns de euros para salvar a empresa, pois esta atopábase nunha situación "delicada".

SALVAR OS POSTOS DE TRABALLO. O expresidente explicou no xuízo que estes conselleiros sabían que Pescanova tiña "problemas de tesourería" e que unha empresa se salva pola tesourería", pero que ningún deles achegou financiamento. Segundo o seu relato, era un xeito de poder pagar unha letra correspondente a un préstamo sindicado de 150 millóns ata que conseguisen vender o negocio salmoneiro, unha operación que, dixo, xa daba por feita. 

Fernández de Sousa defendeu que "o primeiro" que tiñan que facer os directivos da compañía era "manter os postos de traballo e os negocios", cousa que, segundo remarcou, conseguiron á vista da creación posterior de Nova Pescanova. "Algo fariamos ben para que iso sexa así", afirmou. 

Para manter a empresa á boia, explicou o expresidente, o consello de administración acordou por unanimidade "renegociar a débeda" e a firma acudiu entón a preconcurso de acredores. 

O expresidente de Pescanova: "Eu son o maior prexudicado, perdino...
comentarios